Ourense | Hai dúas discriminacións que está padecendo Ourense en relación co transporte ferroviario. A primeira delas é de carácter tarifario, posto que os prezos dos billetes para viaxar a outras cidades é máis caro para os ourensáns. A outra discriminación é coas frecuencias horarias. Pese a pagar máis por viaxar, os ourensáns dispoñen de menos frecuencias para poder viaxar a outras poboacións. En Marea pretende acabar con estas dúas discriminacións segundo explicou a deputada pola provincia, Ánxeles Cuña Bóveda, explicando unha proposta no Parlamento de Galicia que insta ao goberno a rematar con esta discriminación coa provincia.
Ánxeles Cuña explicou que Galicia é deficitaria nas “conexións interiores por tren” e que esta situación afecta especialmente a Ourense. A deputada por Ourense sinalou que En Marea “está pulando por conseguir que haxa unha articulación correcta das comunicacións por tren. Neste sentido, Cuña Bóveda explicou as dúas discriminacións que padece: “a horaria e a tarifaria”. No primeiro caso puxo o exemplo da comparación das frecuencias “entre Santiago e Coruña e as que pode ter Ourense con Santiago, tomando esta referencia, a diferenza con Ourense é inmensa”. “Ourense non chega á metade de servizos que as outras cidades”. Pese a ser esta unha discriminación importante, a deputada de En Marea considera que aínda é peor “o tratamento cualitativo que recibe Ourense”. Neste sentido, sinalou que a Ourense “se lle está aplicando o horario propio da longa distancia”. Esta consideración non é a máis “acaída para os usuarios de Ourense por máis que poida ser útil para Renfe”. As tarifas que aplica Renfe son a 4 para Ourense e a 6 para A Coruña, por exemplo, sen que polo uso esta distinción prexudicial para Ourense teña sentido.
En Marea reclama tres prioridades. A primeira é que en Ourense se cumpra que os medios de transporte públicos serven para dar cohesión social. Segundo, esixir a equiparación de todas as cidades galegas en canto a política de frecuencias e de tarifas no que ten que ver co tren, evitando as situacións de desigualdades como a de Ourense. Como terceiro punto, solicitar a ampliación das frecuencias horarias de Ourense para evitar a incomunicación da cidade e da provincia por ferrocarril.
Aprobación no Parlamento de Galicia
Neste mesmo sentido, o Parlamento de Galicia aprobou a moción presentada por En Marea na que se lle esixe ao goberno central unha equiparación das tarifas a nivel galego para evitar discriminación dos usuarios de tren de Ourense e unha ampliación das frecuencias de Ourense para mellorar a comunicación con Compostela e A Coruña.