Vilagarcía de Arousa | O salón nobre do Concello de Vilagarcía acolleu hoxe a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución na súa vixésima edición que recaeu en María Alonso Seisdedos, unha prolífica autora que con 44 traducións literarias dende 1980 ata a actualidade, traducindo do inglés, alemán, castelán e catalán, xa obtivera o Premio Nacional á mellor tradución de 2014 e tamén o Premio Xela Arias.
O Alcalde, Alberto Varela e a concelleira de Cultura Sonia Outón, en presenza de directivos da Fundación Plácido Castro (Susi Castro), do xurado, e do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, deu os parabéns á premiada e salientou o compromiso permanente do Concello coa recuperación e dignificación da figura de Plácido Castro quen recentemente fora obxecto tamén dunha homenaxe no antigo Instituto Laboral, hoxe CEIP Anexo A Lomba.
Susi Castro, presidenta da Fundación, lembrou aos presentes os obxectivos deste premio, destacando a importancia da dimensión tradutora na traxectoria do seu pai, unha das súas principais constantes vitais.
Xavier Senín, en nome do xurado, salientou o valor da novela, Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá, de aparencia sinxela pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas, e gabou unha excelencia tradutora que sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión. Así mesmo, destacou que logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal.
No Día Internacional da Tradución, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, significou a importancia do premio, da premiada e tamén da propia Fundación no fomento da tradución, que é unha parte substancial do noso sistema cultural.
A premiada, finalmente, agradeceu o galardón e significou, no persoal, o importante que para ela é a tradución como unha forma de vida, en diálogo constante cunha mesma e coa propia obra.
O premio está dotado con 2.000 euros, diploma e o Babelio. Esta é unha peza escultórica, en aceiro inoxidable, obra do vilagarcián Xaquín Chaves, a modo dunha torre babélica con gravuras de signos correspondentes aos distintos alfabetos, que serve de homenaxe á tradución como vehículo de transmisión de ideas, sentimentos e coñecementos entre todas as linguas e persoas.
Escusou a súa asistencia ao acto Pacó Feixó, por motivos profesionais. Todos os asistentes celebraron o compromiso do mundo empresarial coa cultura, simbolizado neste caso na achega da dotación para este premio por parte de “Lugar da Santiña SL”. Ao acto tamén asistiron familiares de Plácido Castro.