Santiago de Compostela | Rosalía deixou nos Cantares Gallegos moito máis ca unha simple celebración do territorio. “Mesmo facendo un canto de fundación, apártase do tradicionalismo paisaxista e fai algo que a min me parece crítico e subversivo, o que podemos chamar, como di o crítico Leo Marx, a pastoral problemática ou distópica”, analiza María do Cebreiro Rábade Villar. Século e medio despois, a investigadora e poeta identifica nese mesmo esteiro as propostas de Chus Pato e Lupe Gómez, que abordan as interaccións entre o ser humano e o medio rural galego partindo a miúdo dunha refutación dos tópicos da poesía paisaxista. Ela mesma procura situarse na intersección destas dúas poéticas singulares nun novo proxecto creativo do que avanzou varios inéditos no relatorio Que tipo de afecto é o arraigamento? Algunhas reflexións sobre poesía e lugar, que impartiu este xoves nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” para persoas de fóra de Galicia, organizados pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. A autora emprendeu este camiño froito da necesidade persoal de rexistrar os procesos de perda que se están a producir no mundo rural.
A catástrofe do Prestige marcou un antes e un despois na produción cultural, especialmente arredor da poesía, que dalgún xeito testemuñou o impacto que provocou na sociedade. Porén, “outros procesos de perda e de reconfiguración territorial”, como os derivados dos incendios forestais, “non tiveron a mesma resposta” desde a literatura, nin en forma de novelas nin de poesía. A profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela vincula este diagnóstico a unha evolución paradoxal relacionada co mundo rural. “Todos os galegos pertencemos ao medio rural dalgunha maneira e a nosa articulación discursiva como cultura dálle moito peso historicamente pero, en cambio, semella que nos fose máis difícil rexistrar ou ler os procesos de transformación contemporánea que sofre, cando o que está a acontecer agora mesmo nel é algo moi brutal”, sinala en referencia aos devanditos incendios, a caída do prezo do leite ou o despoboamento.
Para María do Cebreiro é abraiante que esta situación non estea a dar unha resposta maior desde a expresión cultural. “Todos sabemos que está pasando algo pero non temos ferramentas nin para describilo, nin para facer un loito desa perda, nin para atopar solucións. Pero eu creo que desde a produción cultural hai que asumir esta herdanza desde unha perspectiva crítica e contemporánea, non podemos desentendernos dela. Estou pensando de novo, por exemplo, no caso dos incendios forestais; eu non son novelista pero paréceme que é para pensar literariamente, porque ao final tamén estamos desaproveitando un potencial que temos. Probablemente, atraídos polos cantos de serea de modelos urbanos, identificamos con modernidade cousas que non o son, ou que en todo caso teñen menos que ver co que nos está acontecendo que outras que temos ao lado e que nin sequera somos capaces de testemuñar”, profunda.
Dúas excepcións a esta norma son as obras da académica Chus Pato e de Lupe Gómez, que ofrecen cadansúa “resposta crítica” ante a desarticulación do tecido rural. “Escollín as dúas para este relatorio porque son poéticas moi singulares. En principio non é doado establecer similitudes entre elas, agás esa concepción crítica que teñen dos procesos de perda do mundo rural”, explica. “O ton da poesía de Lupe Gómez é de moita intensidade afectiva e a posición de Chus Pato é probablemente máis intelectualizada. Bebe do discurso filosófico contemporáneo, paréceme moi interesante como aplica, por exemplo, a teoría de Giorgio Agamben sobre o holocausto á conversión do medio rural galego en ruína, á destrución dun modo de vida. No caso de Lupe Gómez, a relación con esta cuestión é máis visceral, máis baseada seguramente no rexistro da propia experiencia. Ao ser as dúas tan distintas, tamén constitúen un bo banco de probas para pensar estes problemas”, detalla.
Nesta mesma liña que chama de pastoral problemática “ou distópica” móvense os versos inéditos que María do Cebreiro compartiu co alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia, a través dos cales abriu unha porta que ata hai pouco permanecera pechada, a que a conecta coas raíces que, como a maioría da poboación galega, ten no rural. Ela xa non é, como era o Balbino de Memorias dun neno labrego, unha rapaza da aldea, senón que adopta unha posición consciente de intermediación. “René Char dixo que a nosa herdanza non foi precedida de ningún testamento. Penso que isto resume moito o que nos sucede aos galegos. Herdamos un mundo que non somos conscientes de ter herdado. Polo tanto, herdámolo non como plenitude senón como algo destruído. Penso na cantidade de cousas que o meu avó sabía facer e eu non, como a lectura dos ciclos naturais. Esa herdanza non chegou a min máis que como perda, e de súpeto, quizais polo ciclo vital no que me atopo, sentín a necesidade de rexistrar eses procesos, porque se seguimos dándolles as costas ao mellor pérdense para sempre”, conclúe.