Xornalista, actriz, cantante… María Garat é un valor novo da escena galega, cuxa presencia na televisión, o teatro e o cine, é aplaudida e admirada polo público.
Maria Garat, actriz, nace en Ferrol aló polos anos oitenta do pasado século.
Estudio xornalismo e Interpretación artística en Madrid. Ten unha longa traxectoria como actriz. Traballou para a Productora Faro en varias ocasións.
Vimos a súa versatilidade nos programas da TVG, “Top 10”, “Quero falar coa xefa”, e “Actualiz@dos”.
Foi Reporteira na TVG. Tomou parte en varios curtometraxes, sendo dirixida por varios directores teatrais e de cine como Ramón Quesada, Pablo Lapastora, etc.
Recentemente participou co grupo Femme Fatale nunha nova edición do Festival Galego de Cabaré, non Teatro Rosalía de Castro, na Coruña.
O noso corresponsal en A Coruña, Francisco Puñal, conversou con ela. Este é un resumo da súa conversa.
¿Por que te gusta actuar e cantar? ¿Onde naciches, e cando?
Estou ben orgullosa de ter nacido en Ferrol (no ano 79), alí están as miñas raíces. Desde pequeniña xa perseguía a miña nai pola casa recitando versos, e hoxe en día actuar é unha gran paixón. Un xeito de me sentir na casa, no meu lugar. É un traballo duro pero tamén enriquecedor e divertido que fai medrar o espírito crítico e axuda a liberarse dos prexuízos. Gústame porque é como potenciar o sabor da vida mesma, onde todos sentimos multitude de emocións a diario. O actor traballa con estes sentimentos, ideas, conflictos, paixóns… E pode experimentalos unha e otra vez a través das personaxes, e de paso, aprender máis sobre sí mesmo.
Cantar é unha das actividades máis pracenteiras que coñezo. No teatro, eu enténdoa como unha ferramenta para expresar emocións. Gústame porque cantando é máis doado conectar con un mesmo, e iso é unha gran axuda para interpretar. A música é un poderoso estimulante da nosa imaxinación, nos transporta e nos emociona case sen saber por que. Pero en fin, eu aínda teño moito que aprender, en especial sobre a técnica… por sorte, conto coa axuda de Nelson Quinteiro que é un cantante excepcional.
¿Que formación tes?
Despois de rematar a carreira de xornalismo en Madrid, estudei unha diplomatura de Interpretación Teatral na escola Réplika Teatro Escuela del Actor, dirixida por J. Bielski. Alí me formei con distintos mestres. Lembro cun agarimo especial ó primeiro que fiou en min, José Luis Sáiz, con quen aprendín a técnica de interpretación en verso, tanto clásico como contemporáneo. Máis tarde descubrín ó mestre de actores Fernando Piernas, a Ramón Quesada e a interpretación diante da cámara, o canto con Jose María Sepúlveda, a danza con Eduardo Solís, e con Nelson Quinteiro, o cabaré. O ideal para un actor e estar sempre formándose, aprendendo, evolucionando.
¿Onde actuaches?
En todo tipo de sitios: salas, teatros grandes e pequenos, ¡e ata nunha “casa do terror”! O que lembro con máis cariño foi o Corral de Comedias de Alcalá de Henares, un teatro impresionante do século XVII, que conserva parte dos elementos orixinais desa época. Actuar alí foi unha experiencia máxica. Fora un dos meus primeiros traballos coma actriz e cada día, ó chegar alí pensaba: “¿Pero isto me está pasando a min…?”. Hai lugares cunha enerxía especial que son un regalo para o actor.
¿Qué representou para ti actuar nesta edición do Festival Galego de Cabaré, no Teatro Rosalía de A Coruña?
Unha oportunidade marabillosa. Pero non só o poder actuar no Teatro Rosalía con motivo do Festival, senón, sobre todo, poder facelo a carón de María Manero, Uxía Vázquez, Davinia Rico e María Polo, as artistas da compañía. Profesionais das que aprendo cada día, cheas de talento e de luz. Descubrilas e desfrutalas é un pracer que lle debo enteiramente a Nelson. En canto a el, desde o primeiro momento namorei da súa poliédrica visión do cabaré, da súa valentía e do seu humor intelixente. Decidiu confiar en min para traballar con Femme Fatale, por iso non me importa ser insistente ó agradecerllo. Despois de pasar anos traballando fóra, é un privilexio descubrir á xente da música e o teatro galego, que, nunha situación pouco favorable, traballa con ganas, constancia e cun sorriso nos beizos. Chapó.
¿Como te preparaches para a interpretación musical de “La pulguita”? ¿Que orientacións te deu Nelson Quinteiro?
Fun á procura da historia do cuplé como xénero: como e por que naceu, como reaccionou o público, etc. Foi apaixonante coñecer a arte das grandes cupletistas de principios de século. Delas tratei de rescatar a linguaxe refinada, a picardía inocente, o pacto tácito co espectador
O traballo con Nelson sempre se da dun xeito natural: presentoume a canción e a súa visión da posta en escea. Tiña as ideas moi claras sobre o carácter da situación que quería crear: irrumpir no medio do patio de butacas, rompendo a distancia “de seguridade” co público, e con esta dirección perfilamos un texto que lle deu vida á personaxe. En canto ó traballo actoral, el marcou os ritmos, a actitude e a dicción da cupletista, e tamén engadiulle xiros á canción para conseguir unha maior comicidade. Logo, durante a gala, xusto antes de sair para facer este número, veu onda min cun gran sorriso e me deu o mellor dos consellos: “Disfrútao”- e así foi.
Os recortes afectaron a este Festival, ¿Por qué para ti é importante que continue a súa celebración?
O Festival Galego de Cabaré é parte do patrimonio cultural e da identidade de Galicia. Só gracias ó esforzó persoal de Nelson Quinteiro, da compañía Femme Fatale e os seus colaboradores foi posible a súa celebración. Deixar que morra este fermoso proxecto, único en España, é deixar que morra a nosa cultura. E o pobo galego como calquer pobo, sen cultura, non é nada. Non ten voz, non ten alma. Ademáis, nos tempos que vivimos precisamos máis que nunca apoiar a actividade incesante dos nosos artistas, espello da realidade e do sentir da rúa.
Quixera felicitar a toda a xente que ten traballado nesta edición do Festival, e tamén ós que o teñen apoiado coma público, deixando claro que os galegos valoramos as nosas artes escénicas como o que son, un gran tesouro.