
Marín | No marco das actividades organizadas pola Asociación para Recuperación da Memoria Histórica de Marín (ARMH) neste mes de setembro, a Biblioteca Pública Municipal Vidal Pazos desta localidade pontevedresa presentou este 23 de setembro o libro “TODAS MORTAS E (QUASE) ESQUECIDAS. 50 pessoas que contribuíram para fazer a Galiza como é”, publicado por Através Editora.

Os autores deste libro son Carlos Francisco Velasco Souto, licenciado en Filoloxía Clásica (USC) e profesor de lingua, colaborador da revista Terra e Tempo e investigador da historia medieval; e Henrique Egea Lapina, doutor en Xeografía e Historia (USC), profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña, especialista en movementos sociais en Galicia. No mesmo tamén colaboraron o escritor Xosé Estévez Rodríguez e o historiador Uxío-Breogán Diéguez.
O texto ofrece unha panorámica en perspectiva histórica que “tenta dar luz ao ámbito do saber histórico e dar a coñecer persoas concretas para coñecer mellor os tempos históricos que nos precederon”. Ao acto asistiron unha trintena de persoas.

As actividades de setembro da ARMH de Marín continúan este 24 de setembro, coa presenza do profesor e investigador Raúl Soutelo Vázquez que nos falará sobre A MEMORIA DA EMIGRACIÓN GALEGA A AMÉRICA: MITOS, TÓPICOS E REALIDADES COMPROBADAS POLA INVESTIGACIÓN HISTÓRICA. Será tamén no salón de actos da Biblioteca Pública Municipal a partir das 20:00h.