A Coruña | Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) ingresou hoxe na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro. Se hai 48 anos escribira “dun modo contundente e pouco matizado” que o fixera para protexer a súa propia imaxe, a escritora e investigadora considera agora que “a súa intención fundamental non foi protexerse a si mesmo senón protexer ante a posteridade a imaxe da súa muller”, procurando unha mellor acollida da súa obra. E este xesto foi só “un máis dunha longa cadea de actuacións no mesmo sentido”, entre elas, animala a escribir e combater o “desánimo ante a súa propia obra” e a tendencia a rachar os seus textos. “El construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantivo sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor. Para completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe”, explica Marina Mayoral, que profunda en distintas accións do autor no “proceso de mitificación de Rosalía”.
A nova académica de honra, que desde os 19 anos reside en Madrid, rematou a intervención recordando escenarios importantes na súa vida, todos eles galegos: a casa de Ramón Piñeiro na rúa Xelmírez de Santiago, “para min un verdadeiro fogar”; a Universidade de Santiago de Compostela, onde comezou os estudos superiores e imparten docencia “amigos moi queridos e admirados”; a casa familiar de Mondoñedo, onde viviu cos pais e a avoa –“a onde quer que eu vaia, van comigo”-; ou as páxinas do xornal no que colabora desde hai tres décadas, “onde puiden dicir sempre o que penso e o que sinto, que era o que Rosalía quería para as mulleres”, asegurou. Por último agradeceu á RAG o nomeamento: “Desde hoxe, teño un lazo máis con Galicia, esta casa, que respecto e admiro”.
Xosé Luís Franco Grande foi o encargado de darlle resposta en nome da Academia a quen é “unha personalidade literaria xa de proxección internacional”, creadora dunha obra narrativa “moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída”. O académico, amigo de Marina Mayoral desde que ambos se coñeceron estudando na Compostela de finais dos anos 50, recordou tamén a traxectoria investigadora da catedrática da Universidade Complutense de Madrid, na que destacan, entre outros, os traballos rosalianos e sobre Emilia Pardo Bazán. De feito, salientou, Marina Mayoral “levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto”, a unha morea de tribunas académicas internacionais onde exerceu como conferenciante ou profesora convidada, como as universidades de Harvard, Berkeley ou La Sapienza de Roma.
O presidente da RAG agradeceu a Marina Mayoral en nome de toda a Academia o seu discurso e deulle a benvida á institución como membro de honra. “Hoxe súmase á nómina de personalidades que nos honran coa súa incorporación a esta casa”, expresou Víctor F. Freixanes, que gabou o seu discurso e lembrou que Emilia Pardo Bazán, cuxa casa acolle a sede da RAG na que se desenvolveu o acto, foi recoñecida con este mesmo nomeamento en 1906. “A condición humana e os desencontros afectivos” de Rosalía, Murguía ou a propia Pardo Bazán reflectidos no discurso, engadiu, fan “que mesmo as grandes figuras da nosa historia sexan de carne, óso e sentimentos”.
A construción da “Rosalía mártir” e inmortal
“Dise moi correntemente que o meu marido traballa sen cesar para facerme inmortal”. Con estas palabras da propia Rosalía no artigo “Las literatas. Carta a Eduarda” empezaron un día as dúbidas de Marina Mayoral arredor do tema analizado na cerimonia de entrada na RAG. “Quizá as murmuracións das que se queixa teñan un fondo de verdade e sexa certo que Murguía traballa para facela inmortal, non escribindo as súas obras, pero si corrixíndoas, proporcionándolle lecturas, facendo críticas laudatorias, buscando o apoio de personaxes famosos ou relevantes para que prologuen as súas obras, e tamén ocultando todo dato biográfico que puidese prexudicala. Esta última idea non é miña: Xosé Ramón Barreiro na súa monumental e creo que definitiva biografía de Murguía conta que Vicente Risco en 1922 solicita por carta a Murguía ‘detallados datos biográficos de Rosalía’ para traballar sobre a súa obra. Barreiro comenta que mal coñecía o gran mestre, porque este ‘pasou toda a vida ocultando eses datos’, e non só os referidos a Rosalía senón tamén a el mesmo”, apunta Marina Mayoral no arranque do discurso.
A académica de honra considera preciso englobar a pregunta inicial, por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía?, noutra máis ampla: Como foron as relacións da parella? “Comprometida cuestión, pois as opinións ao longo de máis de cento cincuenta anos foron diversas e contraditorias. E as investigacións desta última década sobre as biografías de Rosalía e Murguía engadiron complexidade á posible resposta”, reflexiona. Tras unha análise detallada de diversas fontes e textos, Marina Mayoral conclúe que Murguía construíra “a imaxe dunha Rosalía mártir” e que para “completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe. (…). Murguía pensou, e deixou escrito, que esa Rosalía íntima só debía coñecela a familia”.
Pero o acto de Murguía de acabar coa correspondencia que conservaba dela foi en van porque todas as facianas da autora fundacional das letras galegas contemporáneas están na obra que deixou publicada e que chegou aos nosos días, salienta: “Destruíunas [as cartas] crendo que destruía unha imaxe de Rosalía que só el debía coñecer. Pero niso equivocouse: toda Rosalía está nos seus versos publicados: está o odio, pero tamén a piedade e a compaixón (…). Todo está nos seus versos, se se saben ler con atención e sen prexuízos. Neste sentido, a destrución de Murguía foi inútil. Pero non o foi o seu labor de protección e de defensa da imaxe da súa muller ao longo de toda a súa vida”.
Hoxe Rosalía “é máis que unha grande escritora” e Murguía contribuíu dalgún xeito a que así sexa, remata o discurso. “Algúns escritores conseguen coa súa obra converterse en símbolos dun país. Rosalía encarna a voz do pobo galego, é a súa alma mater, a gran Nai que reflectiu mellor que ninguén a psicoloxía, os problemas e as penas do seu pobo, a voz que denunciou as inxustizas e reivindicou os seus dereitos. Como dixo don Américo Castro, Italia ten a Dante, Alemaña a Goethe; Inglaterra, Shakespeare; España, Cervantes, e Francia, helas!, ten a Víctor Hugo. A esa pequena lista hai que engadir que Galicia ten a Rosalía. E hoxe penso que Manuel Murguía contribuíu decisivamente a iso”, subliña.