Compostela | Martiño Noriega lembrou que Compostela “leva máis dunha década no debate das grandes infraestruturas, e hoxe por fin vemos a luz nunha das máis importantes: a estación intermodal”. O alcalde agradeceu a colaboración institucional coa Xunta e con ADIF para facer realidade este proxecto “que non só garante a intermodalidade, senón que tamén sutura a fenda aberta na cidade, conecta dous barrios que vivían de costas e que agora estarán unidos coa plataforma peonil incorporada ao proxecto da estación”.
O acto oficial de inicio das obras da estación de autobuses estivo presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa participación da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte.
Os traballos, orzados en 10,4 millóns de euros, teñen un prazo de execución de 18 meses. A nova estación de autobuses será un edificio de dous andares, cunha superficie total de máis de 13.000 metros cadrados.