Más de dez mil viaxeiros usaron o tren turístico Aba Sacra en 2024

En marzo volve realizar o percorrido entre viñedos de Amandi

Sober | O tren turístico Aba Sacra iniciou a súa actividade na Ribeira Sacra no ano 2011 alcanzando tres mil viaxeiros que percorreron os viñedos de Amandi, no municipio lucense de Sober. “Tivemos un crecemento constante, sen apurarnos, pero sostido. Cremos que en 2025 poderemos chegar aos 12.000 viaxeiros porque estamos xa nun bo nivel de reservas”, sostén Antonio Rodríguez, xerente da empresa que presta o servizo polas estradas que serpentean os viñedos.

Foi no ano 2002 “cando apreciei que había un incipiente fluxo de visitantes á Ribeira Sacra que necesitaban servizos. Aí abrín o restaurante A Cantina. Ese fluxo foise consolidando e apostei por outras iniciativas que teñen Doade como centro”.

A campaña de 2024 pechouse o día primeiro de decembro pero ata Nadal realizáronse viaxes previamente contratadas. Agora, o tren turístico Aba Sacra retoma a actividade este mes de marzo.

O tren con rodas de goma, dispón de 56 prazas. Realiza dúas viaxes ao día pero en tempada alta é habitual que salga tres veces na xornada e mesmo catro. A saída efectúase en Doade e fan un percorrido dunha hora e quince minutos polos viñedos de Amandi, para que os turistas coñezan a viticultura heroica. É un traxecto con servizo de guía e que inclúe algunhas paradas.

A maioría dos usuarios do tren son galegos, pero tamén hai unha presenza elevada de persoas procedentes de Madrid e de Portugal. “No país luso temos unha axencia comercializadora e nótase a achega de turistas”, sinala Rodríguez. Ademais, chega moita xente doutros puntos de España como as Illas e o País Vasco. Chegan familias, grupos de amigos, parellas… Nese sentido é moi variado. Pero, por exemplo, “percibimos que Ribeira Sacra tamén funciona como destino complementario. É dicir, xente que visita Santiago ou as Rías Baixas e antes de marcharse achégase un par de días a Ribeira Sacra”.

“Temos un paquete ao que chamamos xornada enoturística que inclúe a viaxe no tren, visita a unha adega, comida na Cantina, visita ao miradoiro do Duque e unha viaxe en catamarán de Viaxes Pardo, que sae do embarcadoiro que hai en Paradela (Castro Caldelas) alén do río Sil, enfronte de Doade. É unha viaxe que ofreciamos para grupos pero agora tamén o comercializamos de forma individual”, agrega Antonio Rodríguez.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.