Riós | A Xunta porá en valor un total de 24.000 hectáreas a través do Plan estratéxico para o castiñeiro, que á súa vez se enmarca no “Plan Forestal de Galicia 2020-2040, cara á neutralidade carbónica”. Será mediante a conservación e posta en valor do castiñeiro na nosa comunidade, con actuacións en 8.000 hectáreas deica o ano 2040 para recuperar soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación. Así mesmo, prevese crear novos soutos tanto para a produción principal de castaña como para xerar madeira, cada unha das liñas con 8.000 hectáreas de actuación.
Así o sinalou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita ao Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, onde estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, así como polos alcaldes de Riós, Francisco Veiga; de Vilardevós, Manuel Cardoso, e da Gudiña, José María Lago.
Neste acto, José González vinculou todas estas actuacións a prol do castiñeiro cos instrumentos de mobilización e posta en valor que desenvolve a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento. Así, indicou que se trata de “poñer en común estas ferramentas para poder facer agrupacións de xestión conxunta ou polígonos agroforestais de castaña”, co fin de mellorar a xestión e o aproveitamento deste recurso.
Canto aos obxectivos destas accións, o conselleiro apuntou que buscan impulsar a multifuncionalidade e biodiversidade dos montes galegos e apoiar o sector viveirista, así como incrementar tanto a produción de castaña como a súa calidade. Tamén se traballará por aumentar a superficie de castiñeiro para madeira e por mellorar a competitividade das empresas deste sector.
Unidade dos soutos
Así mesmo, o titular de Medio Rural referiuse á creación da unidade dos soutos, que se dedicará exclusivamente á xestión deste recurso tan importante para Galicia. Esta unidade será a que desenvolva no seu conxunto o Plan de recuperación para o castiñeiro, diferenciando con exactitude aqueles soutos tradicionais das novas plantacións de castiñeiros, unha vez se conte cos datos do Inventario Forestal Continuo.
Nese sentido, José González apuntou que se seguirán poñendo en marcha proxectos de recuperación de soutos de xeito piloto como os xa executados en Moreda e no Courel, na provincia de Lugo, por exemplo. Engadiu que esta unidade colaborará cos grupos de desenvolvemento rural e cos concellos para o impulso do sector.
A maiores, o conselleiro anunciou que nos vindeiros días se someterá a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de parte do monte Salto do Cabalo, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Progo, situado precisamente no Concello de Riós. Este monte ten unha superficie de 259 hectáreas, das que se inscribirán no Rexistro 17,35 ha ocupadas por cerquiño.
Apoio da Xunta
O conselleiro tamén quixo poñer en valor o convenio asinado co Concello de Riós por importe de 135.000 euros para que o Centro de Desenvolvemento Agroforestal poida levar a cabo un programa cuns obxectivos moi específicos: a identificación, a restauración e a promoción da xestión forestal activa e sustentable das provincias de Lugo e Ourense.
En concreto, a Xunta sufraga cinco tipos de accións no marco deste convenio, que estará vixente ata que remate este ano 2021. Así, estase a levar a cabo a identificación de soutos tradicionais e masas de frondosas autóctonas de especial interese nas provincias de Lugo e Ourense, a vixilancia e loita contra as pragas e doenzas destas árbores e cursos de formación para produtores ou persoas interesadas en incorporarse ao sector primario.
A maiores, estanse a establecer puntos de contraste sobre o terreo para garantir a actualización do Inventario Forestal Continuo de Galicia e promovendo accións de boa gobernanza en Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), así como a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta.