Padrón | “Que así mo pediron, que así mo mandaron, que cante e que cante, na lingua que eu falo”. Os versos de Rosalía de Castro abriron a xornada sobre redes sociais organizada na Casa da Matanza en Padrón pola Asociación de Medios en Galego e Radiofusión. As persoas participantes asistiron, a unha visita ao novo proxecto museográfico, guiada polo presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira.
O obxectivo da presencia nas redes sociais para os medios de comunicación, debe ser sair fora do círculo habitual, segundo espuxeron Iago Varela e Luis P.Castelo na sesión formativa. Entre as claves para mellorar a nosa presencia, destacaron a necesidade de adaptar as imaxes, manter a mesma liña estética en todas as redes e potenciar o uso de material audiovisual.
Os xestores de Mallando no android realizaron unha analise pormenorizada das diferencias entre facebook e twitter e puxeron o acento no interese por crear unha corrente de simpatía cara cada un dos medios de comunicación. “Hai que analisar os datos, ver o que funciona e o que non funciona e adoptar estratexias variabeis, evitando a automatización das publicacións, humanizando os perfís e reflexionando sobre o uso das redes xerais” matizaron os poñentes antes dun animado coloquio entre as persoas participantes.
Os cinco puntos que destacaron para mellorar a presencia nas redes foron:
1. Adaptar as imaxes.
2. Mesma liña estética en todas as redes.
3. Cubrir axeitadamente biografía, definicións e historia.
4. Indicar con claridade o xeito de contacto.
5. Empregar un dominio de Internet único para todos os enderezos de correos públicos.