Ribadumia | O Concello de Ribadumia vén de incluír na subvención para infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vencellados á prestación de servizos municipais, que convoca a Xunta de Galicia para o ano 2022, as actuacións de mellora dos parques infantís municipais.
Para elo, realizouse unha análise detallada do estado de todos os parques, co fin de poder determinar a solución máis axeitada a cada un e en cales é preciso actuar con maior urxencia.
Unha vez realizado este estudo, os servizos técnicos municipais propuxeron que melloras deberían ser aplicadas a cada parque e, con esta base, fíxose a solicitude da axuda autonómica.
As actuacións, que en principio están destinadas para 7 parques das distintas parroquias, contemplan desde a reposición de redes (tanto en canastras como en porterías), ata o recrecido do pavimento de caucho nas áreas de seguridade que o requiran ou a adaptación á normativa vixente dos elementos de xogo, substituíndo aqueles que puidesen entrañar risco para os usuarios.
Tamén se realizarán actuacións destinadas a facilitar a accesibilidade á zona de xogos e instalarase a bancada proxectada para delimitar o parque infantil e a zona de estar para pais, nais e acompañantes dos nenos e nenas, que tivo moi boa acollida entre os usuarios do mesmo. O orzamento destas obras ascende a un total de 48.250,01 € (IVE incluido, dos cales o Concello de Ribadumia ten que achegar de fondos propios ó redor dos 10.000€.
Dende o equipo de goberno agardamos a concesión desta subvención para así seguir apostando pola mellora dos parques infantís do noso concello, para que, tanto os nenos e nenas como pais e nais usuarios dos mesmos, poidan desfrutar tranquilos de tardes de xogos e entretemento.