O Covelo | O goberno de Covelo completa a obra de humanización da praza Mestre Cerviño e contorna coa execución do proxecto “Instalación de servizos urbanos no núcleo urbano”. A boa xestión económica permite que agora con fondos propios se financien estas melloras que ascenden a un investimento de 44.321,23 €.
Aproveitando a apertura do solo e as demolicións para as obras actuais o goberno contratou a instalación dun tramo novo de tubaxe para a renovación parcial dunha instalación de abastecemento de auga existente, a instalación dunha rede de tubaxes para os servizos de telecomunicacións e outra para os servizos de alumeado eléctricos. Deste xeito a rede aérea de servizo telefónico e de alumeamento público quedará soterrada.
O proxecto contempla tamén a instalación dun tramo de recollida de augas pluviais de 55 metros, a conexión ás redes existentes e colocación de válvulas nos comezos dos ramais para facilitar os posibles cortes de auga por avarías.
Dentro da estratexia de mellora dos espazos públicos o goberno acomete estas obras que promoven hábitos de vida máis saudables e gañan espazo para as persoas. “Tentando optimizar os esforzos acometemos agora as obras de substitución de subministros e canalizacións de abastecemento para non ter que volver actuar na zona nun breve prazo de tempo. Ademais, aproveitamos para soterrar servizos como o tendido de alumeado público e as liñas telefónicas para mellorar a estética da praza”, explica o alcalde Pablo Castillo.