Arbo | Dan comezo as obras da mellora do sistema de Abastecemento municipal cun investimento de máis de 2,3 millón de euros. Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia e o Concello de Arbo, donde a Xunta apoiará ao concello no desenvolvemento das súas competencias coa achega do 80% do orzamento, ademais de contratar e executar as obras.
Pola súa banda, o Concello participará co 20% restante e asumirá a recepción e mantemento e explotación destes servizos municipais.
As actuacións, que foron adxudicadas pola Xunta de Galicia á empresa Espina Obras Hidráulicas, S.A., contarán cun prazo de execución de 8 meses.
O concello de Arbo dispón, actualmente, dun sistema de abastecemento baseado na captación de auga nos ríos Cea e Deva, mediante a impulsión aos depósitos do Couto. Estas instalacións son moi antigas, polo que sofren importantes perdas e a subministración non está garantido, sobre todo en época estival.
A intervención busca solucionar as deficiencias detectadas, tras finalizar en xullo do 2021 a primeira fase das obras realizadas por Augas de Galicia, de impermeabilización dos depósitos e instalación de equipos para o control do caudal e cloro libre.
As obras comprenden unha nova estación de tratamento de auga potable no Couto, a renovación das estacións de bombeo principais e a execución doutro bombeo coas súas correspondentes impulsións, 4 km de tubaxe en total, xunto coa rehabilitación de dous depósitos.