Ponteareas | O Concello de Ponteareas vén de rematar as obras de pavimentación de tres camiños municipais na Portela e A Seca, na parroquia de Padróns, uns traballos cos que se dá un novo paso na mellora da rede municipal de estradas, reparando vieiros e pistas asfaltadas e pavimentando camiños de terra para mellorar o servizo á veciñanza.
Como sinala a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, con estas obras “melloráronse tres pistas municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para facilitar a mobilidade da veciñanza e mellorar a calidade de vida no noso rural”. “Para o Goberno municipal do BNG-PSOE as parroquias son unha prioridade, tamén na conservación das súas estradas a pesar da ampla superficie da vila e do gran número de vieiros existentes. Por iso estamos poñendo en marcha diferentes proxectos cos que seguir acondicionando e conservando a nosa rede viaria, como ocorre con estes camiños en Padróns”, destaca Garrote.
As obras, que contaron coas autorizacións necesarias da Deputación de Pontevedra, supuxeron un investimento de case 73.000 euros cofinanciados polo Plan de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas Plan MARCO 2022-2023 de Agader.
As actuacións efectuadas permitiron mellorar as condicións para facilitar o tráfico rodado e o acceso a parcelas agrícolas situadas nas marxes dun tramo de 700 m de estrada e dun ramal de menores dimensións na Portela, así como de máis de medio quilómetro de estrada no camiño da Seca, “mellorando de forma significativa o servizo ofrecido ás persoas usuarias, xa que se trata de camiños cun elevado nivel de uso por parte da veciñanza”.