Memoria en imaxes reunida por escolas galegas e portuguesas en prol do patrimonio

Fallada a Sexta edición do certame "Imaxes do Patrimonio", iniciativa da Asociación "Ponte...nas Ondas!"

Vigo | Traballadores nun forno de función nos anos trinta, un gaiteiro na guerra, polbeiras do Carballiño mazando polbos no ano 1940, a foto de dous irmáns no ano 1939 ao decatárense de que loitaban en bandos distintos sen sabelo…

Velaí algunhas das magníficas estampas e as grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no VI Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte… nas Ondas!

O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Está previsto que os premios poidan entregarse ao alumnado gañador coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, o próximo 16 de novembro de 2023.

Acceso ás imaxes premiadas: http://pontenasondas.org/vi-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras

Traballando co patrimonio inmaterial nas aulas
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, con longa traxectoria de case 30 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, fai balance así dunha iniciativa que parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.

Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.

VI Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”. Fallo do xurado
Reunidos Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto, constitúense como Xurado do 6º Certame “As imaxes do patrimonio” e

Acordan
1º.-Agradecer aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación neste 6º Certame “As imaxes do patrimonio” convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! co que se pretende, como obxectivo preferente, descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural, para o que propuxemos que á iniciativa dos centros escolares os alumnos e alumnas buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que conteñan elementos dese patrimonio que queremos dar a coñecer. Nas bases e como complemento desta busca solicitabamos que se completara a participación no certame coa inclusión dun texto explicativo da imaxe.

2º.-O Xurado valorou a gran calidade da maioría dos traballos presentados a concurso e o esforzo mostrado na elaboración do texto que acompaña a cada unha das fotografías polo que propón á entidade que convoca o certame que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

3º.-Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame,

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Julio Fernández Gallega
CPR Plurilingüe Luis Vives. Ourense
Título: O Xaneiro

2º Premio: Alexandra Pedreira Fernández
CEIP da Ramallosa. Teo
Título:Guerra Civil Española

3º Premio: Elan Domínguez Fonseca
Escola: CRA Mestra Clara Torres.Tui
Título: Vendedor de barquillos

Accésit: Nerea Sequeiros Lafuente – 6º de Primaria
CPR Plurilingüe Luis Vives. Ourense
Título:A familia

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Martina González Rodríguez
IES Pedras Rubias. Salceda de Caselas
Título: No Carballiño as mulleres si saben dar malleiras!

2º Premio : João Castro Rodrigues,
Agrupamento de Escolas do Vale de São Torcato. Guimarães
Título: Prova de amor

3º Premio: Vera Castro González
IES de Curtis. Curtis
Título: Os irmáns

Accésit 1: Sabela Ares Rodríguez – 3º ESO
IES Antonio Fraguas. Santiago de Compostela
Título: A tía

Accésit 2: Rafaela Gomes Teles – 8º B
Escola Básica e Secundaria de Sobreira. Paredes. Portugal
Título: A escola

Accésit 3: Antón Abalo Santamaría
IES Plurilingüe de Ames. Ames
Título: O meu tataravó

Certame de Podcast
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Sara Vázquez
CEIP Plurilingue O Ruxidoiro. Barbadás

2º Premio:Violeta Brizuela Martínez
Escola: CRA Mestra Clara Torres.Tui

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Marta Ocampo Romaní
IES Ricardo Mella. Vigo

2º Premio Moira Penalta
IES Virxe do Cristal. Noia

Accésit:
Carmela Velasco
IES Eduardo Pondal. Ponteceso

Luján Lago Varela
IES Cruz do Sar. Bergondo

Premio Especial do Xurado
O xurado acorda por unanimidade, e fóra de todas as categorías, conceder dúas mencións especiais a dúas escolas polo seu traballo xeral, do que forman parte as fotografías enviadas:
CEP Carlos Casares de Alxén. Salvaterra de Miño
CEIP da Ramallosa.Teo

CEP Carlos Casares, Grixó-Alxén (Salvaterra de Miño)
Esta escola propón unha iniciativa que, aínda sen axustarse exactamente ás bases do certame, destaca polo seu valor pedagóxico. Trátase dun proxecto de centro que inclúe unha exposición de obxectos relacionados co tema do proxecto anual. Neste caso, o tema escollido foi a meteoroloxía, co título “MeteoAlxén”, e contou coa colaboración das familias do alumado que forneceran moitos obxectos para a elaboración dunha exposición. O proxecto estrutúrase en diversas categorías de interese: Outono, Inverno, Primavera, Verán, meteoroloxía, ceos, chuvia, viño, horta, cogumelos e castañas, alén da propia exposición).

CEIP da Ramallosa.Teo
Para alén da participación convencional no certame, con imaxes co respectivo texto e podcast, esta escola propón tamén o traballo de centro intitulado “Anaquiños de onte, vistos cos olhos de hoxe”, baseado na búsqueda, visualización, estudo e re-interpretación, con todo o estudo de fotografías antigas de diversas temáticas e autores relacionadas co noso patrimonio cultural inmaterial; labores tradicionais, festas e outros costumes de diferentes épocas.

Este traballo está enmarcado tamén no “Proxecto Didáctico Antonio Fraguas”, recoñecemento que a escola obtivo o ano pasado polo seu traballo a favor da recuperación do patrimonio cultural. A actividade ten un carácter de continuación e rematará na exposición que a escola fará en novembro no Museo do Pobo Galego.

Aquí poden verse todas as fotos gañadoras desta VI Edición:
http://pontenasondas.org/vi-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

Edicións anteriores
Aquí as gañadoras da I, II e III, IV e V edición (tamén o acceso ao arquivo completo das imaxes participantes nas edicións anteriores)
http://pontenasondas.org/v-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/iv-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/iii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-xa-temos-ganadoras/

Tres décadas de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués.

Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.

En decembro de 2022 Ponte…nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.