Sober | O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou o viveiro de produción de plantas ornamentais A Man de Prado, en Sober, para facerlle entrega do diploma acreditativo da mención especial que recibiu no II Foro de innovación produtiva do sector agrario organizado pola Xunta e celebrado en Santiago de Compostela o pasado día 10 de febreiro.
En concreto, a iniciativa premiada -que contou cunha subvención da Xunta de preto de 80.000 euros- estaba centrada na elaboración sustentable de tepes para tres usos distintos: cubertas verdes extensivas, taludes e xardíns tipo macizo de alto valor engadido.
En colaboración coa Fundación Juana de Vega, coa Universidade de Santiago (USC) e coas empresas Arborejardin e Orgánica de Sustratos (grupo Costiña), partiuse dun estudo de mercado para facer unha selección e avaliación de plantas adaptadas a diferentes usos e condicións ambientais -incluíndo as autóctonas- para logo avaliar o medio de cultivo e o soporte de enraizamento e, finalmente, testar o conxunto de plantas soporte.
O proxecto, que incluía un estudo final de custos no escalado da produción destes tepes en viveiro e do uso en xardinería, tamén perseguía avanzar na inclusión do formato tepe na norma de calidade de planta ornamental de Galicia, buscando o beneficio para o sector viveirístico da nosa comunidade.
Nesa liña, búscase a redución das malas herbas e da necesidade de uso de fitosanitarios nas obras de xardinería, o uso de substratos de natureza renovable e sustentable no canto de turba, a redución da perda de solo en taludes revexetados, a mellora da eficiencia enerxética de edificios nos que se instalan cubertas axardinadas, entre outras cuestións.
Oviganic Ibérica
José Luis Cabarcos visitou en Monforte de Lemos a empresa Oviganic Ibérica S.L., coa que a Consellería do Medio Rural asinou o ano pasado un convenio de colaboración para impulsar o sector ovino e cabrún en Galicia. En virtude dese acordo, o Goberno galego e a empresa lucense comprometéronse a traballar para incrementar o número deste tipo de explotacións na nosa comunidade e para asegurar a viabilidade dos proxectos de industrialización asociados, apostando pola transformación estable en Galicia.
Nesa liña, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria busca afondar na colaboración xa iniciada, para seguir dándolle un pulo á produción de leite de cabra ou de ovella e á súa transformación en territorio galego, en liña co recollido na Estratexia de dinamización do sector lácteo de aumentar o valor engadido do leite producido na comunidade.
Oviganic Ibérica produce queixo amparado pola denominación de orixe protexida Queixo Tetilla, a través da fábrica de Queserías Prado adquirida en 2021 xunto coa sociedade gandeira compostelá Leite Noso.