Vigo | “Meniños Cantores 2: Cantamos!” é un percorrido polos centros educativos da fronteira galego-portuguesa para dar a coñecer o noso patrimonio común, no que participaron 17 centros educativos e 17 cantantes e músicos profesionais que apadriñaron cada escola. Idea orixinal da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas!, a iniciativa (libro disco, serie documental, espazo web e mesmo karaoke), foi recoñecida recentemente polo xurado do Celtic Media Festival, e seleccionada como unha das seis mellores producións na categoría de mellor programa infantil emitido en televisión. Canda Meniños Cantores 2 competirán polo premio Deian a Loli a Tŷ Nain Jên (Gales), Goolan (Cornualles), itopía (Gales), Keep it up (Irlanda) e Triùir aig Trì (Escocia).
“Meniños Cantores 2: Cantamos!” foi emitida pola Televisión Galega en tempo de Nadal, en formato de catro capítulos, entre decembro de 2021 e xaneiro de 2022. Hai que lembrar que a produción audiovisual fora realizada por Casa de Tolos no complexo contexto de pandemia entre os meses de marzo e xullo de 2021. “Ponte…nas Ondas!
É máis ca nunca un canto á ilusión, ao valor do noso patrimonio oral e inmaterial compartido e ao derrube das alfándegas que se demostraron inútiles cando os males avanzan”, escribía daquela Rosa Aneiros no limiar do libro disco: “Nesta edición de Meninos Cantores tan especial podemos escoitar de novo as voces nos espazos exteriores, as caras destapadas, os sorrisos, a proxección do noso poderoso alento cara ao horizonte”.
Éxito das producións galegas
O Celtic Media Festival promove a cultura e as linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación e ten lugar desde hai 44 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa. No certame, as producións da TVG compiten con poderosas televisións europeas como a propia británica BBC, ou as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba e a bretoa FR3.
Segundo informou a CRTVG, nesta ocasión, un total de 13 producións dos medios públicos galegos son finalistas aos Premios Celtic Media Festival 2023, a cifra máis alta acadada ata agora. Entre as propostas da CRTVG seleccionadas están tamén as dúas candidaturas do popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG #DígochoEu, que presenta Esther Estévez, que ademais de competir no apartado de formato curto, foi elixido por parte do xurado para participar na categoría Espírito do Festival, ou o espazo ‘A Tanxuverbena’ emitido no Día das Letras Galegas.
No espazo web www.meninoscantores.com pode ampliarse información sobre o proxecto e tamén adquirir exemplares do libro-disco, que inclúe a serie emitida en tv, textos da escritora galega Rosa Aneiros, do escritor portugués Marco Neves e dos profesores Helena Pousa e Santiago Veloso, ilustracións de Andrés Meixide, ademais doutros vídeos, música e mesmo pezas para o seu uso en formato karaoke.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.
En decembro de 2022 Ponte…nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.