É evidente que son moitas as diferenzas entre o sistema político do Reino de España e o da República Portuguesa. Mesmo a comezar polo rotulo de cada un deles. Mais hai outras tamén poderosas na orixe da lexitimación de cada un dos réximes ibéricos.
Só por rememorar de xeito apresurado. Hai catro décadas, nun bocadiño serán 43 anos, o 25 de abril de 1974 o Movemento das Forzas Armadas (MFA) abría as portas e a xente ocupaba as prazas da liberdade con “cravos” vermellos. Durante dous anos de inestabilidade política, Portugal estivo no centro do furacán da xeopolítica occidental e baixo os ameazantes ollos mouros dos canóns da OTAN-USA. O xeneral Vasco Gonçalves, primeiro ministro de catro dos gobernos provisorios do denominado Proceso Revolucionario en Curso (PREC), (xullo 1974-setembro de 1975) dicía a quen o quixera escoitar que participara nun golpe de estado para sacar o seu país da guerra colonial e non para metelo nunha guerra civil. Mario Soares era a cabeza da férrea oposición ao Vasco. No enceto do ano faleceu o ex primeiro ministro e ex presidente e foi soterrado con grande “suceso” de masas. Mudara nos anos da vellez; criticou as políticas de austeridade da UE e apoiou o diálogo de esquerdas que sustenta o goberno de Antonio Costa.
Durante catro décadas as esquerdas portuguesas non foron quen de entenderse. Nin antes nin despois da caída do muro de Berlín. Hai múltiples razóns. Podemos telegrafar algunhas. Antes de 1989, as tensións entre o PSP e o PCP durante o chamado Verão Quente de 1975; os distintos modelos de democracia que actuaban como referencia de cada forza: liberal (PS), popular(PC); o aliñamento do PCP coa URSS; a fortaleza parlamentaria do PCP e a rotunda negativa de Mario Soares ao entendemento entre as esquerdas fixeron imposible a máis leve aproximación. Despois da disolución da URSS, a viraxe cara ao centro do PS; o mantemento da esquerda na esquerda; a confrontación sindical entre a CGTP e a UGT e o nulo reclamo sindical por unha alianza; a escasa experiencia de gobernos da esquerda nas “autarquías” ; o temor das esquerdas radicais a diluírse e perder a súa identidade nunha eventual alianza e finalmente o absoluto desinterese dos sucesivos lideres do PS, do PCP e do Bloco de Esquerdas de realizar aproximacións, nin sequera de tenteo, profundaron na incomunicación.
“Durante catro décadas as esquerdas portuguesas non foron quen de entenderse.”
Por que hoxe unha coalición de esquerdas apoia o goberno de Antonio Costa? Podemos tamén telegrafalas. Polas brutais políticas de austeridade impostas pola troika; pola viraxe cara á dereita do partido Social Demócrata en alianza co CDS-PP; pola presión das bases para que os dirixentes se entendesen; polo risco serio de pasokización do PS; pola experiencia de goberno de Antonio Costa, en alianza con outras esquerdas, en Lisboa; polas sensatas propostas de Catarina Martíns e o arrastre sobre o PCP; pola situación parlamentaria de maioría relativa do PS e a maioría absoluta da esquerda; polo relevo xeracional no PS e a vitoria nas primarias de Antonio Costa; pola intelixente percepción por parte da dirección do PCP de que son outras as necesidades e os tempos.
No Reino de España os últimos corenta anos partiron dunha reforma da ditadura controlada polas cortes franquistas que en menos de tres anos foron quen de apoucar os sectores máis recalcitrantes, o chamado búnker, co apoio das potencias occidentais comandadas pola OTAN-USA que observaba con temor as tensións portuguesas. Unha reforma do franquismo que deixaron ben atada, hai trinta e seis anos, nun controlado golpe de estado que asegurou a
supervivencia das elites económicas, a consolidación da segunda restauración borbónica e un sistema político baseado nun pacto de alternancia só descompensado polo elemento diferencial da existencia de tres nacións negadas con maior ou menor vontade de ser.
A esquerda inexistente contra a ditadura (PSOE) foi a gran beneficiada no réxime postfranquista. A esquerda contra a ditadura (PCE) diluíuse, despois dos correspondentes parabéns polos servizos prestados, nunha enorme debilidade parlamentaria.
“A esquerda inexistente contra a ditadura (PSOE) foi a gran beneficiada no réxime postfranquista.”
Na década dos oitenta a esquerda ficou abducida por un PSOE que non tardou en rectificar veleidades esquerdistas (recoñecemento das nacións, integración na OTAN, abandono do marxismo, afastamento de teses da social democracia) para camiñar entusiasmado polos vieiros do social liberalismo inspirado por Clinton, Blair e Schröder. Tras a caída do muro todo foi máis doado, un PSOE centrista aplicaba as política neoliberais sen deterse en miudezas, mesmo enfrontándose á súa matriz sindical (UGT). Mentres, a esquerda radical era incapaz de erguer unha alternativa alucinada pola fantasmagórica teoría anguitiana das “dúas beiras”, preludio da actual e non menos iluminada de “cavar trincheiras”.
Tras o período continuista da cleptocracia privatizadora e chulesca de Aznar, o PSOE agardou paciente a súa quenda ata que choveu en forma da brutalidade bélica que lle bateu a Rajoy nas napias. Zapatero afrontou a súa primeira lexislatura con xestos de rousar para reconducir o PSOE cara á esquerda moderada tentando gañar apoios nos sectores máis sensibles a certas cuestións (reforma educativa, liberdades persoais…) e mesmo atrevéndose a facerlle promesas en van (despois de humillar o Plan Ibarretxe) a Cataluña. A súa debilidade e incapacidade persoal e a vella dirección do felipismo guerrista só foron quen de provocar irritación: en Cataluña por “cepillarse” o estatuto e nos electores de esquerda co golpe anticonstitucional (2011) modificando o articulo 135, con nocturnidade e aleivosía, por mandado da troika. Entregáronlle o goberno ao seu “partenaire” da dereita.
A irritación social expresouse primeiro nos comicios europeos de 2014 e despois nas xerais de decembro de 2015. Mais nin España é unha república, nin houbo unha ruptura coa ditadura, nin o PSP é o PSOE andaluz, nin o PCP é o PCE, nin o Bloco é Podemos, nin hai no Reino de España un Antonio Costa, nin unha Catarina Martíns, ou un Jerónimo de Sousa, nin cousa que se lle poida asemellar. Tampouco hai, por fortuna, unha extrema dereita que poida recoller, en palabras de Fontana: “a ira cidadá contra as elites”. A cidadanía fíxolle este encargo á esquerda mais esta non soubo atender a reclamación.
A esquerda no Reino de España tivo a súa oportunidade pero o único que fixo foi guindar o neno xunto coa auga. Unha das beiras por estar enfeudada cos promotores económicos e políticos que lle deron catro décadas de poder, escintileo e substanciosas contas correntes. A outra, a nova, arrastrada por enxurrada de votos que non souberon encamiñar e os trataron coa soberbia de quen coida que chegou a hora de axustar contas co pasado. Ambas as dúas beiras porque seguen sen entender que un goberno da esquerda precisa o apoio decidido das esquerdas das nacións que queren ser, en especial de Cataluña polo seu peso demográfico. Ese apoio sería contundente se o programa de goberno da esquerda contemplase un proxecto federal a catro bandas e iso significa unha ruptura co réxime de 1978.
“A esquerda Española tivo a súa oportunidade pero o único que fixo foi guindar o neno xunto coa auga.”
As elites formadas no réxime corrupto do franquismo sobreviviron e reproducíronse no postfranquismo no que se comportaron coa prepotencia de quen se considera lexitimado pola tradición de espolio dos “aristoi”, que na vella Grecia eran os únicos que podían recibir agasallos, os outros tiñan que dalos.
A diferenza entre o Reino de España e a República Portuguesa é tan evidente como que o ex primeiro ministro portugués pasou dez meses en prisión preventiva e segue na espera de xuízo, mentres un familiar político do rei de España, xulgado por delitos mais ou menos semellantes, xulgado e condenado, reside en Suíza coa súa ignorante esposa mantida polo erario publico celtibérico.