Menos mal que nos queda Portugal.

Un Estado Plurinacional non só recoñece o autogoberno e promove a identidade lingüística e cultural das nacións que o integran, senón que resposta á lóxica de equilíbrio entre todas elas, sen privilexiar unha sobre as demais. O Estado-nación atende só aos intereses propios da nación que di encarnar. Se o artellamento político do Estado fose plurinacional (como ven esaixido pola súa plural fasquía) a lóxica da potenciación dos eixos atlántico, cantábrico, mediterráneo ou do val do Ebro imporíase sobre a absurda radialidade que papou a Meseta e vai camiño de papar o resto dos territorios mal chamados dende Madrid “periféricos”.

Este sábado informounos Faro de Vigo https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2024/08/25/puente-admite-presion-portugal-decidio-107333332.html), xornal pertencente ao mesmo grupo editorial de El Correo Gallego, da comparecencia deste 23-A perante o Senado o ministro de Transportes na que admitiu sen ningunha caste de vergoña que a prioridade de conexión ferroviaria entre Portugal e o Estado para o seu Goberno é a alta velocidade Lisboa-Madrid no canto da alta velocidade Lisboa-Coimbra-Porto-Braga-Valença-Vigo-Compostela-A Coruña.

Malia esta prioridade, Puente recoñeceu que a primeira prioridade para Portugal é a alta velocidade Lisboa-Galicia e recoñece, ademais, que na península ibérica o espazo atlántico é o máis poboado, máis aínda ca o eixo mediterráneo. Fíxense vostedes: o Goberno do Estado –socialista– recoñece que os principais eixos demográficos e, eventualmente, produtivos da península son os eixos atlántico e mediterráneo, mais afirma ao tempo a necesidade de atender primeiro á conexión radial entre Lisboa e Madrid, teimudamente defendida por cadanseus alcaldes e pola presidenta rexional madrileña, os tres dereitistas.

“Malia esta prioridade, Puente recoñeceu que a primeira prioridade para Portugal é a alta velocidade Lisboa-Galicia”

Certo é que Portugal xa acadou (nos tempos do Goberno Costa do PS) para o treito de AVE Porto-Coimbra 813 M€ dos fondos UE destinados á rede transeuropea de transporte (convocatoria de 2023), o que ratificaría a aposta dos nosos irmáns e veciños pola conexión da alta velocidade atlántica. Mais a inactividade española é digna de inquedanza, pois que aínda non se licitou o estudo informativo para a saída sur de Vigo e a súa conexión coa nova ponte interestatal sobre o Miño. Nin tampouco se tentou acadar financiamento europeo (seica gardan este esforzo para a alta velocidade Lisboa-Madrid)

O devandito ilustra sobre a necesidade de que todas as forzas políticas e axentes institucionais e sociais deste país asuman un rol activo de esixencia e vixilancia para acadarmos esta fulcral conexión. Mais tamén ilustra sobre como pensan e actúan os que mandan no Estado español. Que diante das senadoras e senadores que representan este país o ministro Puente recoñeza que a súa principal aposta é o AVE Lisboa-Madrid constitúe un nidio exemplo de que os intereses galegos non adoitan ser os intereses do Estado. Desta volta, se zafamos (cousa que aínda non fica clara abondo) será pola claridade portuguesa a respecto de que caste de territorio queren artellar.

Menos mal que nos queda Portugal.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.