“Mentes Curiosas” en galego

Presentación dunha colección de divulgación científica do CSIC

Santiago de Compostela | O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), coincidindo coa celebración o venres do Día das Letras Galegas, presenta, a través da Editorial CSIC e en coedición con Zahorí Books, a nova colección de álbum ilustrado informativo “Mentes Curiosas – Curiosas Mentes”.

O proxecto editorial, dirixido ao lectorado de primaria e ESO, aborda as linguas cooficiais do Estado.

Esta mañá presentáronse os dous primeiros números en galego, “Cheirar” e “Bechos”, en rolda de prensa no Consello da Cultura Galega. O acto contou coas intervencións da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; da vicepresidenta adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá do CSIC e directora da Editorial CSIC, Pura Fernández, a delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González, e a investigadora Laura López-Mascaraque do Instituto Cajal CSIC.

“Sendo o CSIC, o maior organismo público de investigación en España e contando con presencia en tódalas comunidades autónomas, o organismo asume o compromiso de publicar nas catro linguas oficiais do estado. A presentación en Galicia ven da man do Consello da Cultura Galega, órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten por obxectivo promover, difundir, asesorar e preservar a cultura galega”, explican dende o CSIC.

O primeiro número da colección leva por título “Cheirar. Aromas, esencias, fedores e pestilencias”, con Berta Páramo como autora do texto e das ilustracións, e o asesoramento científico de Laura López-Mascaraque, investigadora científica do Instituto Cajal – CSIC.

Este primeiro título, dunhas 30 páxinas, ofrece información rigorosa e atractiva a través dos textos e ilustracións da autora sobre o olfacto. Do resumo que aparece na contra pódese intuír o enfoque divulgativo do álbum “Respiras unhas 23.000 veces ao día. Cada vez que o fas, queiras ou non, cheiras. O aire que te rodea está infestado de moléculas que non podes ver a primeira vista. Nunha inspiración, entran no teu interior tantas moléculas como estrelas ves no ceo. O olfacto, como o resto dos sentidos, dános información da nosa contorna. Tamén pode evocar recordos vividos ou xerar respostas emocionais”.

A colección diríxese a lectorado de máis de 10 anos e nace co obxectivo de transmitir coñecemento, entreter e sobre todo, inspirar as mentes curiosas.

Hoxe pola tarde, ás 18.30 horas, levarase a cabo a presentación da colección ao público a través dun obradoiro dirixido a persoas de 10 a 100 anos, que terá lugar na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6. Santiago de Compostela) baixo o título “Cheirar e saborear co cerebro”. Será unha actividade divulgativa que implicará a participación activa do olfacto do público e que estará guiada pola investigadora Laura López-Mascaraque. O evento concluirá coa sinatura de exemplares.

O segundo número da colección, xa dispoñible tamén en galego, leva por título “Bechos. A xungla na casa” con texto e ilustracións de Berta Páramo e o asesoramento científico de Óscar Soriano Hernando (investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturales – CSIC), aborda a os insectos que viven nas nosas casas desde un punto de vista científico: “Non necesitas viaxar a unha selva remota para contemplar unha biodiversidade asombrosa. Nin sequera tes que ir moi lonxe. Por moi limpa que estea a túa casa, nela habitan criaturas de todo tipo, chamémolas bechos”.

A Colección é unha aposta do CSIC pola divulgación da ciencia á mocidade, buscando espertar a curiosidade, cuestionar o establecido e buscar respostas mais aló do evidente con contidos adaptados, atractivos e rigorosos.