Estamos rodeados de mentiras. Hoxe é necesario estar moi alerta. Por exemplo o día antes de Reis fun á cabalgata dunha cidade e vin o nunca visto porque non era común naquel lugar. Mais si, unha enorme morea de rapazada agardando polo evento, papás e mamás, tíos e familia.
En principio, todo ben. Pero comezou aquel acto cunha apertura en música dun grupo de gaitas. Semellaban apartados do mundo que viña detrás. Case non se sentía a súa música, ían impolutos nos seus traxes de gala, homes e mulleres, interpretando solemnes -a pesar do ruído e xentío- unha peza de festa. Detrás viñan unhas figuras de osos, algún dinosauro, inchables facendo figuras que non tiñan interpretación posible.
A cousa podía empeorar, e empeorou. Detrás uns robots tamén inchables que tiñan luces e poñían cara de risa. No medio dos fastos aloucados, un rei envolto en cintas e luces, brillos e lámpadas cunhas letras en inglés e en volumes difíciles de descifrar. Alí enriba, empoleirado, seica era Melchor. Miroume desde o alto con cara de agasallo, comprendendo o meu encollido corpo diante dos berros estrondosos. E veña enormes globos representando o universo, aquel globo azul que vai alí debe semellar A Terra, pensei no medio de fillos, sobriños e netos.
Viña tamén Gaspar do mesmo xeito, envolto en luces e fantasías, en galanos e brillos dourados, en ruídos enormes de música en inglés que todos bailaban e todos celebraban, menos eu. A continuación Baltasar con lentes, sorrinte e cheo de novidosas formas, tamén brillantes e moita música e palabras en inglés que todos, absolutamente todos e todas, celebraban. Quedei pampo vendo o espectáculo. Nunha cidade onde non lles acordou quen somos nin o que, alá no fondo, moi fondo, sentimos. Acordoulles, este ano por prescrición facultativa reprimir caramelos ou chuches brandas. Aquela era “a suposta verdade” que todos tragamos e agachaba aqueloutra verdade de non nos deixar ser quen somos, nin en Lingua nin en música nin en tradición.
Proba evidente da nosa Cultura minimizada, unha vez máis, á forza da parafernalia consumista que nos invade, que desta volta esnaquízanos en calquera ámbito da Cultura Nosa, como se evidencia cos datos que se coñecen coa Lingua. Esa Cultura descoñecida da que ninguén acorda, nin os concelleiros-as de cultura dun concello, neste caso o de Lugo. Aculturalización e abuso, tamén unha dose alta de ridículo, de aí o aceno de Melchor.
“Proba evidente da nosa Cultura minimizada, unha vez máis, á forza da parafernalia consumista que nos invade”
Si, xa sei que é o que a xente pide, son cotas de pantalla, que hai que contentar ás masas e todas esas cousas que nos levan a ningures. Mais quéixome e dóiome de tanta ofensa, invasión e farsa que nos acaban. Por certo, pechaban a comitiva algunhas ambulancias, protección civil e máquinas de recoller o lixo. Pedín praza en todas elas.