Mentireiros.

Moito nos mentiron. Levamos esa lousa enriba do lombo mesmo nos relatos históricos que hoxe se revisan. Si, porque a historia estana mandando facer os que mandan, e escríbenlles ao ditado do que interesa contar, sen ser verdade. Gran explosivo, desta volta tamén hai eleccións! Pois leña! Os políticos repítense e non acadan o creto necesario.

Moitas veces  nos mentiron. Os da afronta, os que recadan votos de traizón, poñamos por exemplo, a día de hoxe, os que dixeron que se perdía o castelán por culpa do galego. E iso dino tendo os medios de comunicación e as informacións, publicacións, músicas, películas, series e todo o que se queira, en castelán, como canle de transvase de coñecementos. Quen ten problemas -sábeno ben- é o galego, tan cheo de limitacións, tan privado da súa gala.

Pero insisten, e a Nosa Lingua ferida desde hai séculos. Si, convén dicir que mentiron e aínda menten, ademais non corrixen nin reparan, son da precaria condición humana que fai  desgoberno da lingua, esta que escribo. Non repuxeron, non incluíron a xenerosidade na súa humana forma de facer e de vivir. Nunca houbo imposición do Galego, nunca!

Mentiron novamente e iso non pode quedar impune. Merecen o noso desprezo. Ofendéronnos moito, moi intimamente e non teñen perdón. Son tamén, con eles, moitos os que calan e consentiron. Moita xente que se sumou ao desprezo, ás denuncias públicas, ao asañamento con profesorado que defendía a posibilidade recuperadora da dignidade idiomática dun pobo para coa súa propia Lingua.

Cometeron o desequilibrio -que consta na lexislación que nos ocupa- e que invita a un idioma “do deber” contra o idioma de saber, quizais aprender. Ofenderon coas porcentaxes do reparto. O reparto é a condición á que invitan os que rouban, un clásico xa. Repartir con urxencia é o que pedía aquel que roubou de noite, querendo espallar a culpa antes de ser delatado pola luz do día.

Aínda hai forzas políticas que acoden en favor dos mentireiros, e xa que logo ladróns, moitos medios de comunicación e din que case todos en Galiza falamos galego, seica o oitenta por cen. Quedan tan anchos na súa mentira! Que falta de ignorancia, dicía o tolo.

Si, son moitos a mentir na mesma dirección. Anque todos sabemos a verdade, sabemos que estamos perdendo a Nosa Lingua, a única que é nosa e que non ten relevo xeracional. As políticas non funcionaron, entre outras moitas cousas porque necesitan ilusión e forza,  inmersión e orzamentos necesarios. Sorpréndenme tamén as institucións que están atadas e que en favor das subvencións calan.

“Si, son moitos a mentir na mesma dirección. Anque todos sabemos a verdade, sabemos que estamos perdendo a Nosa Lingua”

Danme vergoña no seu silencio, igual que os políticos que non se chantan mentres non se repoña a dignidade do noso código único de referencia e propiedade, de entendemento. Non poden pasar da indignidade das porcentaxes, da ilegal lei que ampara o deber de saber español, en contra do “consello” de aprender galego. Queremos que o Galego sexa esa vía de comunicación normal, antes que calquera outra, como é o lóxico. Queremos que o futuro estea tamén na nosa boca e senón, non os votamos!

Mestre e músico.