O Covelo | Nove locais de hostalaría servirán churrasco de Covelo a prezo reducido o vindeiro día 25 de xullo, día de Santiago, patrón do Concello de Covelo. O Concello pechou hoxe o prazo de inscrición para os locais de hostalería colaboradores coa XLII edición da afamada festa do churrasco.
Un ano máis, poderase degustar as carnes do Suído e a costela de porco nos bares e restaurantes colaboradores da festa do churrasco ao mesmo prezo que no Campo da Feira, onde se celebra a tradicional festa gastronómica.
Os locais onde poderemos gozar dunha boa tallada son o bar Sebastián en Barcia de Mera; tapería O Buraco de Covelo; o Lugar dos Devas en Cernadela, Godóns; o restaurante da casa cultural da Graña; o bar La Graña; o bar Lemos na Hermida; o bar Cuartel na Lamosa e os bares Río Tea e Plaza en Maceira.
As empresas colaboradoras respectarán os prezos establecidos polas bases da XLII edición da Festa do Churrasco de 6 euros como máximo, mantendo o prezo durante todo o día, aplicado só para os produtos entregados polo Concello a cada establecemento. Cada local adherido recibirá 21 kg de carne de porco, 21 kg de carne de tenreira e 7’5 kg de chourizo criollo.
“Tendo en conta que este evento constitúe un factor determinante para o desenvolvemento económico e social do concello abrimos sempre unha vía de colaboración non só para dar un servizo axeitado e responder á demanda de todo tipo de visitantes e participantes tamén para promocionar os locais de hostalaría e empresas locais colaboradoras ás que lle facilitamos de xeito gratuíto a carne do churrasco”, explica o alcalde Pablo Castillo.
Pola súa banda, os establecementos participantes comprométense a ofrecer a posibilidade de realizar reservas durante a Festa do Churrasco e quendas de comidas, así como de recollida da comida para levar. Así mesmo, deberán informar ó público do horario no que darán o servizo nun lugar ben visible en cada un dos establecementos.
Dende os anos 80 ata hoxe
A Festa do Churrasco do Concello de Covelo constitúe un evento gastronómico que se remonta a mediados dos anos oitenta e que acompaña a súa grande tradición gandeira con máis de 2.000 reses de raza rubia galega alimentadas nos pastos locais e produtos derivados do porco curado na montaña.
Programación especial festas patronais e do churrasco
O 21 de xullo a partir das 23:30 horas a discoteca móbil instalarase na praza Mestre Cerviño para celebrar a Festa da Xuventude. Tralo éxito do ano pasado, o Concello repite aposta e convida a toda a mocidade da comarca e da área metropolitana a compartir estes días festivos.
O 23 de xullo organízanse varias quendas para poder participar na visita guiada ao Serradoiro dos Carranos, en Maceira, da man do guía de montaña Julio Eiroa. O 24 de xullo chegan as verbenas coa orquestra Ritmo Joven a partir das 23:30 horas. O 25 de xullo, día de Santiago, celébranse as festas patronais coa XLII edición da afamada festa do churrasco coas actuacións de Pelepau e Milladoiro. O Concello de Covelo irá colgando máis detalles de cada unha das actividades na súa páxina web concellocovelo.es
Estreo de Desarraigo de Vicky Peña
Tras o éxito do concerto musical e recitado La música en otros cuerpos o Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrecerá este sábado día 15 a estrea de Desarraigo da famosa actriz Vicky Peña. A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera convertirase no escenario dunha obra de denuncia social na que tomaremos consciencia da situación dos refuxados e dos exiliados. A actriz catalá, preocupada “polo mundo que deixamos” elixe a nosa vila para estrear unha obra cargada de denuncia e de sensibilidade xunto a Orestes Gás e con textos de Alberto Iglesias.
Agosto acollerá dous concertos, o de Locus Músicus que traerá sons medievais galaico portugueses e o da Orquestra Sinfónica de Galicia o día 25. A programación desta decimoquinta edición péchase o 16 de setembro con Vox Stellae, que leva acompañando ao Ciclo de Música de Barcia de Mera dende os seus comezos e que este ano cumpren quince anos dende a súa fundación “e queremos celebralo con eles”, explica Nieves García Sotos que xunto ao Pai Rafael decidiron facer do conxunto abacial de Barcia de Mera o epicentro das persoas amantes da música clásica posibilitando escoitar a voces e músicos de primeiro nivel nesta fermosa contorna.
O programa atraerá, un ano máis, a centos de apaixoados/as da música clásica ao Concello de Covelo. Todos os concertos son ás 20 horas e débese reservar praza no número de teléfono 658 627 525. O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece o traballo realizado e salienta a importancia desta iniciativa que achega a música culta a todos os públicos. “O Ciclo de Música de Barcia de Mera fai posible que toda a cidadanía poida escoitar a músicos de escala nacional e internacional, brinda unha ocasión única de vivir unha experiencia músical de primeira sen saír da nosa contorna e é, sen dúbida, un dos acontecementos culturais máis importantes de toda a área metropolitana de Vigo”.