Ponteareas | O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, concluíu o proceso de interlocución e información veciñal relativo á reordenación dos espazos peonís e do tráfico nas rúas situadas no entorno do Mercado Municipal de Ponteareas. O pasado venres o edil nacionalista, xunto coa concelleira de Promoción Económica Eva Gil, mantivo un encontro cuns corenta comerciantes e hostaleiros no salón de plenos da Casa do Concello, que se engadíu aos encontros co Grupo Ecoloxista ADENCO, a plataforma Vivir Ponteareas, o Consello Municipal da Infancia e o colectivo de apoio ás persoas con discapacidade ADAPTA. Ademais, distribuiuse ampla información por escrito aos residentes e comerciantes sobre as medidas propostas.
Mera avaliou a reunión con comerciantes e hostaleiros coma “moi positiva e construtiva” e agradeceu a boa disposición do sector diante das medidas previstas. O concelleiro lembrou aos asistentes “que a recuperación do espazo público para as persoas mellora o atractivo comercial da vila e favorece ao pequeno comercio” e lembrou que rúas libres de vehículos como Rogelio Groba ou sen estacionamento como Oriente, son das máis comerciais de Ponteareas. O edil nacionalista achegou datos sobre a ocupación da zona azul no entorno do auditorio e rúas próximas así como do aparcadoiro do Mercado Municipal e outros próximos como o de Santa Ana. Os datos revelan que raras veces se produce unha ocupación do 100% e que habitualmente existen bastantes prazas dispoñibeis. O concelleiro lembrou ademais que as medidas contempladas supoñen unha redución pequena de prazas de estacionamento en relación coas existentes na zona. Mera sinalou que “a clave está nos aparcamentos periféricos, pois desde calquera deles se pode chegar camiñando en moi poucos minutos, sempre menos de dez, a calquera punto da vila”. Por iso o obxectivo da concellaría de Mobilidade e Tráfico é “gañar espazos para as persoas que camiñan facendo atractivos os itinerarios a pé desde os aparcadoiros e mellorar e ampliar estes nos vindeiros meses”.
Ademais, o sector comercial propuxo ampliar a zona azul a horario de tarde, unha proposta que a concellaría considera viábel e interesante e que será estudada nas vindeiras semanas para tomar unha decisión ao respecto.