Tui| A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza entre o venres 4 e o sábado 12 de decembro un mercadiño solidario de libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.
Nestas xornadas a Biblioteca Municipal ofrece os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aqueles lectores interesados poidan recoller aquelas obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.
Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abano de libros a todos os afeccionados á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria. É unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal.
O mercadiño estará aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 21.30 h e os sábados de 9 a 14 h.