Tui | A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza entre o sábado 4 e o xoves 23 de decembro un Mercadiño Solidario de Libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.
Nestas xornadas a Biblioteca Municipal, repite este mercadiño tras a exitosa experiencia do pasado ano, e ofrece os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aqueles lectores interesados poidan recoller aquelas obras que resulten do seu interese.
A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.
Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.
O mercadiño estará aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 8.30 a 13.30 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.
Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abano de libros a todos os afeccionados á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria.
Neste ano 2021 triplícaase a oferta deste mercadiño solidario, tanto en espazo coma en exemplares. É unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal.