Tui | A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza dende hoxe, mércores 13 de decembro, ata o vindeiro 5 de xaneiro, o seu Mercadiño Solidario de Libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui.
Nestas xornadas a Biblioteca Municipal repite este mercadiño tras a exitosa experiencia dos últimos anos e ofrece preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aquelas persoas lectoras interesados poidan recoller as obras que resulten do seu interese.
A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.
Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, dende novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta. Diariamente se irán incorporando novos exemplares actualizando así de modo permanente este mercadiño.
O mercadiño está aberto no horario de atención ao público da Biblioteca Municipal de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, que esta mañá visitou o Mercadiño, destaca que con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abano de libros a todas as persoas afeccionadas á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria.
Neste ano 2023 amplíase a oferta deste mercadiño solidario, tanto en espazo coma en exemplares.
Engade que “é unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal”.