Mondariz | A partir do 27 de novembro, durante os catro domingos anteriores á festa de Nadal, haberá postos de artesanía de emprendedores e emprendedoras da contorna con produtos de cerámica, coiro, prata, resina ou cosmética natural feitos a man
Por segundo ano consecutivo, a Praza de Abastos de Mondariz acollerá un pequeno mercado artesán en vésperas de Nadal. Os postos de artesanía, malia estar ubicados dentro da remodelada Praza de Abastos, forman parte da tradicional feira dominical de Mondariz e estarán abertos ao público de 10h a 14h, aproximadamente, mentres dure a feira e estea aberta a propia Praza de Abastos.
O mercado artesán de Mondariz será inaugurado o 27 de novembro e continuará aberto ao público os domingos 4, 11 e 18 de decembro. Trátase dunha iniciativa promovida por un grupo de artesáns da contorna que recibiu o apoio do Concello de Mondariz.
Apoiando a dinamización sociocultural da localidade
Un dos obxectivos do Goberno municipal, e da Concellería de Desenvolvemento Económico e Turismo que dirixe o propio alcalde, é dinamizar a localidade para atraer visitantes e tamén habitantes.
Así pois, nos últimos anos vén apoiando diferentes iniciativas socioculturais vencelladas a Mondariz a través da programación de actividades (andainas, obradoiros de teatro, presentacións de libros, exposicións, charlas de emprendedores e emprendedoras,…), coa finalidade de darlles visibilidade e recoñecemento público ás persoas que emprenden os seus proxectos na localidade.
Dentro da estratexia política de dinamización local, a Praza de Abastos sempre foi un espazo público prioritario. Desde principios de ano, coa licitación do bar e a posta en marcha dun novo negocio de hostalaría, este importante lugar de encontro do centro urbano gañou protagonismo como eixe da actividade sociocultural da localidade, tanto nos meses de verán coma nos de inverno. Neste novo contexto de maior dinamización sociocultural da Praza de Abastos, actividades como a exposición de fotografías do GDR Condado Paradanta que está aberta actualmente ou o próximo mercado artesán contribúen a encher de contido sociocultural este espazo público tradicionalmente comercial.