O Porriño | O Concello do Porriño fixo entrega hoxe das tres cestas de Nadal que sorteou por mercar no comercio, praza de abastos e hostalería local. As galardoadas foron Puri Lorenzo, Adela Freiría e Obdulia Martínez. Todas elas recibiron unha cesta con produtos de Nadal!.
Foron máis de 6.000 os boletos que se entregaron cubertos para participar no sorteo que se celebrou esta mañá no salón de plenos. Todos eles correspondentes a compras nos establecementos comerciais e hostaleiros do Porriño e nos postos da Praza de Abastos.
“Noraboa a todas e moitísimas grazas a todas as persoas que participaron e ao tecido comercial e hostaleiro por acoller tan ben esta iniciativa”, indicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A alta participación é un bo sinal. É sinal de que a nosa economía se move e a xente consume no Porriño”.
Encontro de Rondallas este domingo 19
As rondallas volven ser as protagonistas do Nadal porriñés. O vindeiro domingo 8 de xaneiro a vila do Louro acollerá o tradición Encontro de Rondallas do Porriño, no que se darán cita dez agrupacións.
Participarán a Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Rondalla Nosa Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán), a Asociación Club Rondalla Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Torroso (Mos), Rondalla Círculo Recreativo e Cultural de Herville (Mos), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui) e as anfitrionas, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Asociación Cultural Musical Rondalla de Pontellas.
Será como cada ano no Pavillón Municipal e, no caso de que a choiva non o impida, estará precedido dun pasarrúas no que participarán todas as rondallas e que dará comezo ás 17 h.
A entrada é libre e de balde ata completar aforo. As portas do municipal abriranse ás 17:15 h.