Ponteareas | O Concello de Ponteareas inaugurou hoxe o Mercatea de Nadal, un espazo deseñado para as compras e para o lecer na nave de Aceros del Tea.
Ata o cinco de decembro o Mercatea ofrecerá un percorrido por postos de alimentación, artesanía, bebidas artesás e ecolóxicas, bisutería, complementos, xoiaría, xoguetes e unha morea de propostas atractivas para que atopemos o mellor agasallo de Nadal.
O concelleiro de comercio, Ricardo González, explica que o Mercatea Nadal será un lugar que tamén promova o encontro e facilite as compras con actividades para as nenas e os nenos que disporán dun espazo seguro no que aprender xogando mentres os adultos fan as súas compras navideñas e así facilitar a conciliación familiar e laboral.
No Mercatea haberá vida todos os días agás o 25 de decembro e o día 1 de xaneiro. En horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas sucederanse obradoiros, concertos, catas, contacontos e xogos, entre outras propostas en colaboración coa concellería de Cultura e coa concellería de Emprendemento.
“Trátase de ofrecer espazos atractivos, cheos de vida no que poder mercar e compartir. Nestes días os comercios locais engalanan as súas entradas e adornan os seus escaparates para así recrear un ambiente harmónico e alegre que convide ao paseo”.
A alcaldesa, Nava Castro, sinala a importancia de deseñar actividades transversais que involucren á cidadanía, ao tecido comercial e, neste caso, tamén ao obradoiro de emprego Compromiso Xuvenil concedido pola consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia ao Concello de Ponteareas. Este alumnado, que se forma en materia de turismo e dinamización, colabora co Mercatea no deseño e desenvolvemento dos distintos obradoiros que se organizarán. Así, ademais de aprender e mellorar a súa inserción laboral tamén contribúen e deixa a súa pegada na vila de Ponteareas, esta vez en forma de propostas como o TrocoTea, un posto que promove o troco de obxectos de segunda man para darlle unha segunda vida. Por cada artigo depositado recibirase unha Pesetea coa que se poderá adquirir outro produto. Ademais, tamén ofrecerán a visita guiada “Persoeiros ilustres de Ponteareas” de dúas horas de duración cun descanso programado de vinte minutos. Por último dinamizarán Mercatea con talleres de manualidades, maquillaxe, pintacaras e espazo de xogos.
Actividade sen fin para encher de calidade o tempo de nadal é o obxectivo tamén do Mercatea Nadal que acollerá o recital poético e musical “A lingua somos todos” de Emilio Rúa e X. C. Carneiro e o concerto de coro Gli Appassionati. Tamén tres catas de viños para as que é preciso reservar no número de teléfono 673 855 522.
O Mercatea tamén será un espazo de promoción e plataforma para a posta en valor dos nosos músicos e ofrecerá concertos de violín, de cello, de piano e de guitarra grazas á colaboración do Conservatorio Municipal de Música. Todas as actividades serán de balde.