Pasará de dous anos cando un grupo de persoas da bisbarra de Ordes iniciamos o trámite ante o Concello de Mesía (A Coruña) para que o noso veciño e amigo Mero Iglesias recibise a mención honorífica de Fillo Adoptivo de Mesía, concello no que vive dende hai polo menos cincuenta anos.
E preguntaranse as lectoras e lectores cal foi o fundamento, a orixe desta proposta, pois certo é que Mero conserva unha voluminosa carpeta arrombada de premios, galardóns e recoñecementos, desde os outorgados por asociacións voluntariosas do País até mencións de renome institucional.
Nesa carpeta faltaba o premio dos seus veciños, o premio dun Concello que toma como fillo a unha persoa allea de nacemento. E non pensen que un fillo adoptivo nace dun día para outro. Os promotores da idea: Beti Louro, Manuel Pazos, Luís Louro e Gumersindo Campaña traballamos arreo para que o Concello de Mesía aprobase un regulamento de honores. En canto esa norma entrou en vigor, pedimos formalmente a concesión, acompañando a solicitude unha completa memoria de méritos e uns cincocentos avais que respaldaron a proposta.
O Mero de Fuxan e A Quenlla converteuse no primeiro Fillo Adoptivo de Mesía o día 2 de agosto de 2024. Uns meses máis tarde, o 14 de decembro, recibiu o diploma acreditativo nun salón de actos abarrotado por unha tribo de entusiastas do autor de palabras e músicas que nos falan de pasado, presente e futuro.
A veciñanza de Mesía e da bisbarra de Ordes tiña unha débeda con Mero; a el debémoslle a restauración da dignidade cultural e da sabedoría popular que configura a alma e o espírito desta Terra.
Non hai moitas décadas, o Mero mestre entregáballe a cada un dos seus alumnos unha poderosa máquina electrónica: unha gravadora coa que recoller a sabedoría tradicional do núcleo familiar… Os contos, coplas, cancións, ditos, refráns, oracións, panxoliñas, cantares de cego… quedaban rexistrados para sempre nas cintas magnetofónicas… Mero recolleu a memoria dun pobo e só por iso xa debería ser merecedor deste honor.
Mais o poliédrico e transversal Mero (que dirían os estudosos) non se conforma con esa faceta de recopilar o saber do pobo… tamén desenvolve unha activa praxe de oratoria, de poesía, de ensaio… e solidariamente apoia a reivindicación da lingua, da Memoria Histórica, do ecoloxismo, da paz e da liberdade dos pobos sometidos e masacrados por outros máis poderosos.
Agardamos, con esperanza, que xurdan máis Meros en Mesía e no noso País; só deste xeito saberemos que a nosa Galiza ten vida e futuro.
Un artigo de Manuel Pazos Gómez.