Mos | O Concello de Mos e Xunta de Galicia constitúen unha Mesa de Traballo para iniciar o proxecto de vivenda protexida na localidade mosense e afrontalo do xeito máis ambicioso posible.
O director xeral do Instituto Galego da Vivienda e Solo, IGVS, Heriberto García Porto, reuniuse acompañado de técnicos autonómicos no Concello de Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e os técnicos municipais: o xurídico de Urbanismo, Víctor Rodríguez, e o arquitecto Ramón Vega, na que foi a sesión constitutiva da Mesa de Traballo mensual que se inicia a partir de agora, para materializar o proxecto de vivenda protexida de iniciativa púbica en Mos.
Na xuntanza estivo presente tamén o equipo redactor do PXOM de Mos, coa súa asesoría xurídica e técnica, que se incorpora á devandita Mesa. Na súa sesión constitutiva, extraeuse a decisión de emprender un proxecto o máis ambicioso posible no ámbito da vivenda libre, de protección oficial e pública.
Para iso ábrense novas vías, estudando todas as zonas posibles e que xa estaban contempladas no PXOM a tal fin, en aras de dar cabida a toda a demanda deste tipo de vivenda existente no municipio. Completarase polo tanto o estudo cun proxecto máis ambicioso.
En todo este procedemento Concello e Xunta irán da man, pois a administración autonómica colaborará coa local tanto coa iniciativa como coa propia promoción pública.
Agora, unha vez constituída a Mesa de Traballo, seguirase avanzando nas reunións mensuais programadas, periodicidade coa que se reunirán os técnicos integrantes. A vindeira reunión será para o próximo mes de abril.
Así mesmo, desde o Concello anúnciase o inminente estudo dunha relación municipal de demandantes para estas vivendas, como complemento do rexistro oficial autonómico, para que a poboación interesada en solicitar estas vivendas poida ir demandándoas.