Mesa do Comercio Local en Mos

O Concello constituíu este órgano colexiado

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Emprego e Participación Cidadá, Julia Loureiro, informaron da creación da Mesa Local do Comercio que celebrará a súa sesión constitutiva o vindeiro 10 de outubro. As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, destacaron a creación deste órgano colexiado, que “permitirá poñer en común as necesidades do comercio local, e expor iniciativas que permitan visibilizar o comercio local do municipio”.

Trátase dun órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre o a Administración local-Concello de Mos e os representantes do sector comercial. Regulado polo Decreto 183/2011 de 15 setembro, da Consellería de Economía e Industria.

Segundo explicaron a rexedora local mosense e a edil Julia Loureiro “os obxectivos son lograr unha maior visibilización e dinamismo do comercio local, erixirse en foro de debate plural e eficaz e en espazo consultivo e de coordinación local, co obxectivo de consensuar as políticas municipais para a promoción da actividade comercial de Mos”.

Esta Mesa Local do Comercio súmase e compleméntase coa campaña xa en marcha baixo o título de Queda en Mos, de apoio e fomento do consumo no comercio local, e ten como funcións: Realizar campañas de promoción, estudos sobre a situación do comercio, plans de dinamización. Formación de empresarias e empresarios e persoal traballador. Programas relacionados con novas tecnoloxías e I+D+i. Elaborar informes para a realización de feiras de oportunidades organizadas polas persoas comerciantes. Actuar como órgano consultivo do concello en todas as cuestións que afecten ao comercio do municipio. Propoñer ao concello cantas medidas, iniciativas e propostas considere conveniente para o desenvolvemento e mellora do sector. Ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana. E informar en todos aqueles asuntos que, pola súa relevancia para o comercio, lle sexa solicitado pola consellería competente na materia.

Dos 315 concellos de Galicia, só 168 teñen constituída Mesa Local do Comercio, e na provincia de Pontevedra tan só 55.

Na Mesa constitutiva do vindeiro 10 de outubro comparecerán a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o Director Xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, a Asociación de Hostalería e Turismo de Mos “BARES-MOS”, a Asociación de empresarios do municipio AEMOS e representantes do comercio mosense entre os que se atoparán MUEBLES SOLIÑO, TORGALI, E.S.P.J., PAIS AUTOMOCIÓN e EDITORIAL EDIMAES en representación de máis de 40 comercios locais de Mos; Tamén representantes da asociación local/provincial de persoas consumidoras e a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios “RIAS BAIXAS”.

A Mesa convocarase en sesión ordinaria unha vez ao ano e as sesións extraordinarias necesarias notificadas cunha antelación mínima de 48 horas. As actas das sesións deberán ser remitidas en copia dixital á Dirección xeral competente en materia de comercio no prazo 1 mes dende a celebración da sesión.

Orzamento en saldo positivo
O Pleno do Concello de Mos aprobou en sesión ordinaria do mes de setembro e por maioría do seus membros a conta xeral do exercizo 2023.

A devandita conta xeral inclúe, entre outros, os datos que se extraen da liquidación e que recollen un resultado orzamentario positivo en preto de 700.000 euros: 688.356,76 euros exactamente. Neste senso as representantes municipais, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Feli Rodríguez, edil mosense de Economía e Facenda, apuntaron que “o Concello recadou máis do que gastou, os impostos directos tiveron un grao de execución do 102,20%, os indirectos tiveron unha porcentaxe de execución do 124,47% e en taxas e outros ingresos a porcentaxe de execución foi do 108,19%”. Tamén salientaron o aforro neto positivo de 840.065,70 € e o aforro bruto de 1.476.458,82 €.

Respecto do orzamento de gastos do ano 2023 a Arévalo, rexedora local mosense, destacou que “sendo un orzamento inicial de 12.933.609,18€, modificouse grazas ás subvencións conseguidas en 4,5 millóns de euros máis, dando como resultado un orzamento definitivo de 17.530.978,20€”. De entre estes gastos destacan os realizados en Investimentos: preto de 4 millóns de euros, e en Persoal: 5 millóns de euros.

Arévalo e Rodríguez Carrera tamén salientaron que se reduciu en moito a porcentaxe de endebedamento municipal, que se atopa no 23%, moi lonxe da máxima legalmente establecida que ascende a 110%. E declaráronse satisfeitas de que a liquidación do orzamento municipal 2023 recolla datos positivos no resultado orzamentario e no aforro, tanto bruto coma neto, “demostrando unha xestión responsable e con orzamentos realistas, sen inflar os ingresos; o que revirte en resultados positivos coma os logrados na Liquidación do ano pasado”, dixeron.

Ademais, Mos non figura no listado de entidades locais incluídas no Procedemento de pago a Proveedores 2024 do Ministerio de Facenda, nin en adhesión voluntaria, nin obrigatoria.
Por último anunciáronse medidas para reducir ao máximo o remanente de Tesourería negativo, como medidas de contención de gasto, planificación e control, e seguemento e fiscalización.