A abafante vitoria da candidata oficialista Claudia Sheinbaum co 58,58% dos votos nas eleccións presidenciais mexicanas deste 2 de xuño consolida unha nova hexemonía política no país azteca iniciada en 2018 coa chegada ao poder do actual presidente Andrés Manuel López Obrador (AMLO) e o seu partido Movemento de Rexeneración Nacional (MORENA) A hoxe recen elixida como nova presidenta mexicana, considerada a ‘delfín’ de López Obrador, liderou unha coalición conformada polo propio MORENA, o PT e o Partido Verde.
O triunfo de Sheinbaum, unha recoñecida académica e ata agora xefa de Goberno de Cidade de México, é igualmente histórico: convértese así na primeira muller en presidir México; unha condición que igualmente se vislumbraba no caso da súa contrincante electoral, Xóchitl Gálvez, quen obtivo un 28,42% dos votos. Gálvez liderou unha inédita coalición que incluíu a partidos ideoloxicamente distintos como o Partido Revolucionario Institucional (PRI), o Partido de Acción Nacional (PAN) e o Partido Revolucionario Democrático (PRD), todos eles dominantes da esfera política e electoral mexicana ata a aparición de MORENA.
Tras oficializarse o seu triunfo, no seu discurso como nova presidenta, Sheinbaum lanzou unha mensaxe tan reivindicativa como reveladora: “serei a primeira muller presidenta en 200 anos de historia republicana de México”; “Non cheguei soa, chegamos todas”; e “gobernaremos en paz”. Vense con maior nitidez algunhas das sinais de identidade do goberno de Sheinbaum: unha maior implicación ecoloxista, de políticas de xénero e de xustiza social nun país de 136 millóns de habitantes que se ben logrou reducir a pobreza nestes anos de xestión de AMLO, esta taxa aínda mantense no 36%. Toda vez, México ten un alto indice de feminicidios e de violencia cidadá lastrada polo poder dos carteis de crime organizado: a violencia provoca anualmente unhas 30.000 vítimas mortais. Nos últimos meses foron asasinados unha trintena de candidatos.
Esta hexemonía de MORENA obsérvase igualmente a nivel rexional, vital para analizar os equilibrios da política mexicana: goberna actualmente en 21 dos 32 estados a nivel nacional. Sheinbaum obtivo máis de 35 millóns de votos, cinco millóns mais que os alcanzados por AMLO en 2018. Esta hexemonía ten tamén repercusión no poder lexislativo xa que a coalición oficialista pode obter entre 422 e 468 dos 628 integrantes do Poder Legislativo federal, aspecto que lle permitirá sacar adiante un ambicioso programa de reformas constitucionais denominado “A Cuarta Transformación”.
Pero o triunfo de Sheinbaum debe iguamente medirse en clave hemisférica; aquí destacan aspectos como o xénero e a seguridad cidadá, cunha implicación cada vez máis importante nas axendas políticas rexionais. Con Sheinbaum podemos observar tamén unha revitalización das esquerdas progresistas latinoamericanas tanto o seu triunfo implica igualmente un freo de man ante o ascenso de tendencias máis dereitistas, ultraliberais, e incluso de ultradereita, radicalmente opostos a esas axendas progresistas e imbuidos nunha perspectiva de “batalla cultural” contra a esquerda.
“Con Sheinbaum podemos observar unha revitalización das esquerdas progresistas latinoamericanas e un freo de man ante o ascenso de tendencias máis dereitistas, ultraliberais e de ultradereita”
Esa tendencia a vemos claramente no caso do presidente arxentino Javier Milei pero tamén ampliada no campo da seguridade cidadá ao mandatario salvadoreño Nayib Bukele. Curiosamente, previo ás eleccións mexicanas, Bukele inauguraba un novo período presidencial nunha toma de posesión na que foi significativa a visita de Milei e unha sintonía política que comeza a cosechar adeptos a nivel continental.
Con Sheinbaum intúese tamén unha continuidade co legado de AMLO nunha política exterior multilateral pero que pode observar importantes implicacións de cara á resolución de problemas globais, en particular o cambio climático e as actuais guerras (Ucraína, Gaza) Seguindo co legado de AMLO, Sheinbaum (que non esquezamos ten orixe sefarditas) podería amosar unha maior predilección ao recoñecemento do Estado palestino, seguindo a tendencia que recentemente observamos en Europa con España, Noruega e Irlanda.
Con Sheinbaum, México entra nunha nova etapa histórica iniciada en 2000 coa derrota do PRI tras 69 anos no poder; e en 2018 coa chegada á presidencia dun partido de esquerdas, MORENA. Trazando unha nova hexemonía de carácter progresista amparada polo apoio popular nas urnas, Sheinbaum terá a tarefa de ampliar os esquemas da “Cuarta Transformación” iniciada fai seis anos polo seu mentor López Obrador, particularmente en materia de dereitos políticos e sociais. Retos e desafíos indiscutibles para un novo liderado nun país constantemente ‘bendecido’ polos centros de poder económico e financeiro como un “mercado emerxente” e chamado a adquirir un protagonismo no mundo en transformación deste século XXI.