Migueliño Chihuahua.

Ata hai nada había na casa tres cans adoptados. Badi, que faleceu e tiña nome canino, era o único equilibrado emocionalmente. Os outros dous viñan bautizados segundo o santoral católico, Pucho (José) e Dalí (Salvador).

Ambos chegaron traumatizados. Pensei que co paso de tempo o seu comportamento iría mellorando pero iso non aconteceu.

Si Pucho ve un homínido bótase a el, Dalí, en cambio, fuxe despavorido. Hai tempo que me rolda pola cabeza a idea de que a humanofobia que padecen comezou o día no que se decataron da orixe dos seus respectivos nomes.

“Aqueles bípedes que os humillan lanzándolles paus para que llos traian de volta (…) son os mesmos que consideran un insulto chamarlle a alguén ‘perro”

Aqueles bípedes que os humillan lanzándolles paus para que llos traian de volta, que lles obrigan a sentarse cando non lles apetece, a darlles a man unha e outra vez, a aprender idiomas para que comprendan expresións como: seat down, shut up, come here, que os mutilan cortándolles os testículos para que se porten ben ou que lles amputan o rabo, porque segundo o seu criterio están máis guapos, son os mesmos que consideran un insulto chamarlle a alguén “perro”.

O exemplo máis coñecido, pola nosa tan evolucionada especie, é o famoso Perro Sánchez. Perro como compendio de ladrón, corrupto, mentireiro, etc. Economía neoliberal aplicada ao código lingüístico.

Outro caso coñecido foi o do exministro Francisco Álvarez Cascos ao que os socialistas adicáronlle un vídeo no que o identificaban cun dóberman porque ao parecer ladraba en vez de falar. Curioso detalle o de poñerlle nomes de razas de cans pacíficos a persoas agresivas, cando son os humanos os que converten a animais dóciles en bestas feroces.

O Partido Popular tachounos de canallas, pero non tardaron en contraatacar pouco despois con outro vídeo, cuxas imaxes mostraban cans enfurecidos aos que comparaba cos socialistas.

Na actualidade o home duro do parlamento é Miguel Tellado, canonizado por Feijoo, pero sen caninizar polos medios de comunicación nin polos rivais políticos.

Intúo que máis pronto que tarde un intrépido xornalista ou ocorrente político sumarase a esa tendencia tan inxusta de poñerlle nomes perrunos a sus señorías.

O chihuahua podería ser unha opción, xa que adoita ser un can agresivo por herdanza xenética, pero moi fiel ao seu amo. Precisamente, ambas características, son as que aproveita Feijoo cando lle lanza paus á bancada do goberno para que Migueliño llos traia de volta, ensanguentados a poder ser.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.