Mil Festas máis para a Lingua Galega.

Cantarlle en galego ao mundo desde a Praza do Obradoiro

A prevista actuación musical da orquestra “Panorama” na Praza do Obradoiro programada polo Concello de Santiago de Compostela nas festas da Ascensión merécenos unha breve reflexión.

O Obradoiro é un espazo urbano con lingua de seu que os que acuden a el saben que deben entender para comprenderen a cultura galega. Ese ámbito tan de noso con proxección internacional define a personalidade do pobo galego. Calquera representación nel debe incardinarse na esencia mesma da nosa cultura; desaproveitar ocasións como a celebración dun evento musical en praza tan emblemática sería descontextualizala da cultura galega.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convocou en Raxoi en tempo do alcalde Xerardo Estévez a unha numerosa representación de rexedores municipais para asinaren a “Declaración das Mil Festas máis para a Lingua Galega”. En dito texto especificábanse as medidas que deberían incluírse nos programas festivos. Unha deles referíase ao papel da música como medio de transmisión oral da nosa lingua. Porque de todos é sabido que nas actuacións musicais a lingua empregada é determinante para o futuro do noso idioma. Por iso os asinantes daquela Declaración comprometíanse a incluír unha cláusula lingüística nos contratos coas orquestras en virtude da cal quedaban obrigadas a cumpriren dous obxectivos:

“A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convocou (…) a unha numerosa representación de rexedores municipais para asinaren a ‘Declaración das Mil Festas máis para a Lingua Galega”

a) as alocucións dirixidas ao público polos animadores de ditas formacións serán sempre en galego, e;

b) unha porcentaxe da totalidade do repertorio interpretarase en galego, xa sexa porque as pezas sexan xenuinamente galegas, ou porque as cancións que se interpreten doutras linguas se traduzan á nosa.

É moi frecuente concederlles libre albedrío aos representantes desas formacións orquestrais para que manifesten perante os auditorios perversos tópicos baseados no respeto á pluralidade cultural dos asistentes que nos minusvaloran como pobo con lingua e cultura de seu. Galicia ten que proxectar ao mundo o seu propio acento.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia quere trasladarlle a vostede como rexedora municipal que é, encargada da organización do festexo anunciado, que se contemple a posibilidade de trasladarlle á orquestra Panorama, por se por descoido non se incluíse (no caso de estar contemplado), reciba os nosos parabénes), o desexo de galeguización da súa actuación. Porque se a nosa lírica medieval foi capaz de expresarse en lingua galega para arrequecer o acervo da cultura universal, os novos “neotrovadores” deben seguir nesa liña.

2 maio de 2024

Asinado: Xoaquín Monteagudo Romero. Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.

 

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.