Ourense | A Executiva local do PSdeG-PSOE de Ourense comezará o 2025 continuando o seu programa de viaxes ás institucións para achegar, tanto aos cargos do partido como á militancia en xeral, o traballo que se leva a cabo dende elas e o seu funcionamento. E tal e como explicou a secretaria xeral da agrupación, Natalia González, o seguinte destino será Madrid.
“Despois de trasladarnos ata Bruxelas para percorrer e comprender o Parlamento Europeo, en febreiro achegarémonos ao Congreso, o Senado e a sede do partido en Ferraz para adentrarnos na súa historia e lembrar os fitos que nestes espazos tiveron lugar”, expuxo durante a reunión da Comisión Executiva Municipal (CEM).
Por outra banda, o secretario de Memoria Democrática e Dereitos Humanos da CEM, Xosé Lois Carrión, lembrou que cada ano, o 27 de xaneiro, se rende tributo á memoria destas vítimas para ratificar o compromiso social de loitar contra o antisemitismo, o racismo e calquera outra forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos.
“O 27 de xaneiro conmemórase a liberación, en 1945, polas tropas soviéticas do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau”, recordou. As e os socialistas de Ourense organizan un acto, que por motivos de axenda terá lugar o venres 31 de xaneiro, que contará coa intervención do historiador Carlos Lozano para afondar nesta parte da historia.
Tamén comezan o ano político dende a agrupación local somerxidos en traballar por unha Ponencia Marco, para o vindeiro Congreso que terá lugar o 8 e 9 de marzo, na que se renovará o ideario e a ruta a seguir para acadar maior xustiza social e igualdade atendendo ás necesidades actuais de Ourense e Galicia.
Na foto Natalia González Benéitez, secretaria xeral do PSdeG en Ourense, e Xosé Ramón Fernández Morgade, secretario de organización.