X.A.R./AGN | Fronte a falsas “famas”, a profesora do Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Minako Takahashi demostrou nunha charla que a fonética e a gramática xaponesas facilitan aos españois falar o idioma. Foi nunha xornada, na capital galega, pensada para animar a achegarse á cultura xaponesa, porque é descoñecida e “unha nova experiencia”. E tamén para “achegarnos por sentimento” ao seu país un ano despois do terremoto e o tsunami que o abordelaron con case 20.000 vítimas.
Explica na súa charla como falar xaponés sen ter coñecementos da lingua, como é posible?
A lingua xaponesa ten fama de ser difícil, pero realmente non o é. A escritura é un pouquiño complicada, pero falar, montar unha conversación, é moi fácil fonética e gramaticalmente para os españois. E quería demostralo. Co visto na charla pódese polo menos saudar e falar un pouco si uno atópase a un xaponés na rúa.
Pero escribilo si é difícil…
Si, porque nós utilizamos tres tipos de alfabetos. Dous deles non son difíciles, e o que o complica é o que ten caracteres chineses. Pero vendo aos meus alumnos que aprenden xaponés, ao principio costa, pero é cuestión de memoria. Non é imposible, aínda que hai que esforzarse un pouquiño máis.
Que opcións ten quen queira estudar xaponés en Galicia? Non hai moita oferta…
Neste momento, a formación académica está en Santiago de Compostela, onde traballo eu, e nas escolas de idiomas da Coruña e Vigo.
E está crecendo o interese por estudar xaponés?
Curiosamente, cada ano vai aumentando a cantidade de alumnos. Anímanse moitísimo para estudar e collen ben o ensino.
É un idioma que pode abrir portas no mercado laboral?
Creo que si. Neste momento todo o mundo está en crise, incluso Xapón, pero o meu país aínda se mantén. Por exemplo, non aumenta o paro e sempre ten traballo. Aprender a lingua é unha vantaxe para ir a Xapón e atopar emprego, ou para traballar aquí con algunha empresa relacionada con negocios de Xapón.
Un dos obxectivos da xornada na USC é achegar aos galegos a cultura xaponesa, é pouco coñecida, hai ideas erróneas?
Aquí quen coñece a cultura xaponesa é sobre todo a xente á que lle gusta o manga, ou o anime… A través das series ou da música poden coñecela. Pero, en xeral, non se coñece moito a cultura xaponesa. Por ese motivo quería ofrecer este tipo de clase, porque así se pode saber un pouquiño máis. Coñecer cousas diferentes é unha vantaxe, unha nova experiencia, ter a mente máis aberta.
Coincide, intencionadamente, co primeiro aniversario do terremoto e o tsunami. Que lle contan desde o seu país da situación actual?
Queriamos recordar o ocorrido e achegarnos por sentimento a Xapón. Incriblemente está case recuperado, con rapidez, e todo o mundo está animando para recuperar todo. Ata na zona máis afectada, por exemplo Fukushima. Segundo a prensa xaponesa, o 40% das persoas que están noutros sitios queren volver e queren recuperar e mellorar a súa terra. A xente ama moitísimo a súa cidade e está animando a desenvolver Xapón como antes. Iso a min tamén me dá moito ánimo.