Miño | Este martes, 17 de agosto, ás 12,00, na Biblioteca pública municipal de Miño (A Coruña), abrirase ao público a exposición AQUELA NENA DE SARRIA, confeccionada polo Colectivo Egeria na honra de Xela Arias, por térselle dedicado este ano o Día das Letras a esta sarriá que viviu os seus primeiros anos na Granxa de Barreiros (Sarria) e na capital lucense.
No acto inaugural participarán o Alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; Pura Galán Voutureira, de Política Lingüística, representante da Xunta de Galicia; a pintora e ilustradora lucense Sabela Arias, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
A mostra, co patrocinio da Xunta, que ten visitado xa máis de medio cento de localizacións en toda Galicia, e está a percorrer os Camiños de Santiago na provicia de Lugo, desprázase agora ao Concello de Miño pola colaboración entre este Concello e o Colectivo Egeria, tendo en conta que Miño é o lugar de veraneo tradicional para numerosos lucenses, especialmente os da capital da provincia.
Esta exposición está composta por doce paneis que percorren os primeiros anos da vida de Xela, o seu vencello co noso idioma, o papel da familia na súa traxectoria como escritora e tradutora, e a homenaxe poética que lle renden os estudantes de Sarria, os membros da “Nova poesía guitírica” ou as “Compañeiras de viaxe” da escritora, proporciando ampla información sobre unha Xela descoñecida que os galegos evidencian interese en coñecer.
Nesta mostra figuran unha serie de fotografías da nena Xela facilitadas pola súa familia, que contan co contrapunto de cadansúa creación da artista Sabela Arias, residente en Miño, o que confire un singular aire xuvenil a esta exposición.
“Aquela nena de Sarria” estará na Biblioteca Pública municipal de Miño durante a segunda quincena do mes de agosto, e os visitantes recibirán cadanseu exemplar do catálogo da exposición, coa totalidade dos contidos da mostra.