A desigualdade xurídica do galego a respecto do castelán xurde da propia Constitución española. Non tanto do seu artigo 3- que dispón a obrigatoriedade do coñecemento do castelán- senón da interpretación que lle foi dando o Tribunal Constitucional, que declarou en maio de 1986 inconstitucional a obriga de coñecer o galego da nosa lei de normalización lingüística e declarou inconstitucional en xuño de 2010 o carácter de lingua de uso preferente do catalán nas Administracións operantes na Catalunya.
Velaí os alicerces xurídicos que perpetuan o galego como lingua minorizada (para nada minoritaria). A Xunta e os concellos non teñen posibilidade legal de impor a obriga do coñecemento da lingua aos xuices, notarios, rexistradores, funcionarios do Estado…Velaí a importancia das accións de discriminación positiva, canda a futura resolución desta anomalía constitucional.
Neste contexto, o Goberno do Estado está a piques de aprobar un proxecto de lei de comunicación audiovisual que non garante mínimos para o galego, euskera nin catalán na programación da cota mínima do 30% dedicada a obras audiovisuais europeas nas plataformas de contidos de TV (Netflix, HBO ou Amazon Prime).
“O Goberno do Estado está a piques de aprobar un proxecto de lei de comunicación audiovisual que non garante mínimos para o galego, euskera nin catalán na programación da cota mínima do 30% dedicada a obras audiovisuais europeas”
O anteproxecto reserva o 50% desa cota a obras en castelán ou en calquera lingua cooficial do Estado, mais non blinda mínimos para éstas. Como tampouco reserva mínimos para o galego no 50% do 5% da facturación que as produtoras que ingresan maís de 50 M€ han reservar para obras europeas.
A gravidade desta decisión (provisional e reversíbel no Congreso se as forzas soberanistas que sosteñen o Goberno do Estado saben xogar as súas cartas e vencellan este debate ao dos Orzamentos de 2022) non atinxe só á exclusión do galego na grella da TV presente e futura, senón á potencia económica do noso audiovisual.
Garantir mínimos en galego é potenciar a nosa creación, facer que as plataformas contraten as nosas producións, traballar a prol do “galician noir” e mesmo das nosas localizacións para as rodaxes. Corrixindo deste xeito a intencionalidade recentralizadora do anteproxecto de Nadia Calviño. No lingúistico e no económico.
Calviño defendeu no Congreso que o anteproxecto é axeitado, porque o castelán é a lingua que nos une e, xa que logo, fixar mínimos para o galego “prexudicaria as potencialidades da industria audiovisual española”. Ese mesmo día, dende a mesma ideoloxía recentralizadora no económico e no cultural, Aznar negaba a plurinacionalidade do Estado e máis a utilidade nel dun goberno multinível .
Tiña razón o grande Josep Plà. O máis semellante a un español de dereitas é un español de esquerdas.