Deberíamos mirar máis a Portugal e, particularmente, a súa situación política. Os medios galegos e españois, así como a súa clase política, pouca cobertura lle dan á actualidade portuguesa. Só parece existir cando veñen eleccións, cando se falan de eternas infraestruturas que non terminan por vi (AVE Vigo-Porto), por mencionar algúns exemplos. Escasean permanentemente nos medios as novas e análises sobre a política portuguesa. E coido que Portugal é importante non só por proximidade xeográfica senón pola súa dimensión ibérica, non moitas veces aquí comprendida e atendida.
Portugal vén de realizar eleccións xerais, tan apresuradas como inesperadas e sorprendentes. Porque poucos agardaban que un goberno tan aparentemente sólido e con notables niveis de aceptación como o do socialista António Costa renunciara de súpeto por un escándalo (favoritismo en concesións de explotación de litio) que involucraba ao seu círculo máis próximo. Vendo a riada de escándalos que actualmente pululan na política española (Koldo-Ábalos; Air Europa e Begoña Sánchez; mascarillas de Ayuso), o de Costa parece a priori algo insignificante.
Así e todo, o ex primeiro ministro portugués deu unha lección de ética política, unha condición que precisamente escasea entre os seus contrapartes españois. A súa renuncia valoriza a importancia dunha posición institucional, a de xefe de goberno, por moito que a consecuente convocatoria electoral dera paso a unha complexa situación política, cun goberno de dereitas en mans de Luís Montenegro que moi probablemente deberá gobernar en minoría pero observando un tácito apoio do seu principal opositor socialista.
Porque a pesares das complexidades e dun panorama político fragmentado, Portugal está dando un exemplo de conciliación política entre os seus dous principais partidos, por moito que exista un empate técnico. Salvo que Montenegro pacte coa ultradereita (escenario ata agora pouco probable tomando en conta as súas declaracións) ningún partido nin coalición de partidos da para formar unha coalición de 120 deputados, o umbral da maioría absoluta na Asemblea Nacional portuguesa. O equilibrio político está en mans do presidente Marcelo Rebelo de Sousa, un político tan sagaz como comprometido coa democracia e a estabilidade. As consultas políticas con tódolos partidos rematan este 20 de marzo, á espera de que resultados tanxibles podan dar á hora de formar un novo goberno.
Con todo, é previsible que estamos ás portas dun goberno de dereitas en minoría pero cunha oposición socialista moi próxima. Un previsible entendemento tácito que conta cunha finalidade clara: preservar a estabilidade institucional ante o impresionante avance da ultradereita de Chega!, o VOX portugués, que pasou de 12 a 48 deputados pero que pode subir outros 2 mais unha vez finalice o reconto da emigración.
“O ex primeiro ministro portugués António Costa deu unha lección de ética política, unha condición que precisamente escasea entre os seus contrapartes españois”
Visto este panorama, en Lisboa si puideron comprender mellor que en Madrid a necesidade de aplicar unha especie de ‘cordón sanitario’ para frear o avance dos ultras. E máis cando as eleccións parlamentarias europeas de xuño están á volta da esquina, con igualmente previsibles avances de populismos de dereitas (AfD en Alemaña; Fidesz en Hungría; Agrupación Nacional en Francia; os Demócratas suecos; o Partido da Liberdade nos Países Baixos, a Liga Italiana, o propio Chega! e outros tantos) agora conformados nunha plataforma parlamentaria denominada Identidade e Democracia. E todo isto sen esquecer as tensións entre Europa e Rusia (cun Putin reelixido como presidente ata 2030) que aumentan a frecuencia de posible confrontación militar.
É ingobernable o Portugal de hoxe? Non necesariamente. Son novos os equilibrios que se abren, cheos de complexidades pero cunha convicción clara para o establishment: tentar manter a estabilidade ante un mar de polarización con ecos trumpistas en marcha nunha Europa lastrada pola polarización e a confusión política.
Fixo ben Costa en renunciar e dar paso a outras alternativas? Cando menos o seu exemplo de ética política debería ser observado con atención e prudencia noutras latitudes e máis na veciña Madrid. Quizáis Sánchez, Feijóo, Ayuso, Puigdemont e Abascal deberían aprender algo de Costa e de Portugal. E aquí en Galicia tamén. E quizáis así teña máis certeza e vixencia aquel dito de ‘menos mal que nos queda Portugal’.