O Porriño/BNG | O BNG renovou a súa dirección no Porriño escollendo a Míriam Martínez Troncoso responsábel local, quen coordinará unha equipa composta tamén por Menchu Pereira, Cesar Lourido, Élia Lago, Marcelo Rodríguez, Ana Bastos, Manuel Sánchez, Pedro Pereira e Cami Moreira.
Míriam Martínez, de 39 anos de idade e natural de Budiño, ten formación en Ciencias Sociais e vén formando parte do BNG desde nova. Participou como concelleira na segunda lexislatura do goberno nacionalista no Porriño (2007-2010) e no 2011 foi candidata ao Senado pola provincia de Pontevedra.
“Conformamos un grupo forte no que xuntamos experiencia e renovación. Buscamos sumar máis xente, ensanchar a nosa base social. Somos unha forza política en ascenso e temos proxecto propio para O Porriño. O BNG é a alternativa real ao PP. Queremos fortalecer a organización de cara ás municipais co obxectivo de liderar o goberno local”, afirmou a responsábel local electa.
A nova responsábel local valorou positivamente o traballo do Bloque no actual goberno de coalición. “As áreas da nosa responsabilidade están a funcionar. Melloramos a oferta cultural. Colocamos as políticas de igualdade no centro da vida municipal. Avanzamos no modelo de vila que defendemos para O Porriño coa humanización de Aloques e a transformación de San Bieito nunha zona peonil”.
Míriam quixo destacar tamén a aposta do BNG por incrementar zonas verdes coa compra de parcelas na contorna do río Louro.
“Tamén estamos a impulsar proxectos no rural: executamos novos saneamentos, creamos por primeira vez no Porriño unha liña de axudas para as traídas de augas e levamos a programación cultural aos centros culturais das nosas parroquiais e barrios”, concluíu.