Mondariz | O Goberno municipal de Mondariz aproveitou un remanente orzamentario do exercicio pasado correspondente ás obras da senda fluvial de Laredo, iniciadas este ano 2023, para promover a ampliación da rede municipal de saneamento na entidade local menor de Vilasobroso.
Esta actuación, que está esperando a aprobación da Deputación de Pontevedra para ser licitada, no marco do Plan Concellos 2022, supón un investimento de 70.204,65 € en infraestruturas e servizos públicos básicos.
Coa ampliación da rede municipal de saneamento, entre 25 e 30 vivendas do barrio do Cruceiro poderán conectar coa depuradora ecolóxica construída a finais de 2021 en Vilasobroso para dar servizo aos barrios da Pena e do Cruceiro. Actualmente, malia estar en funcionamento esta instalación para depurar augas residuais, son moi poucas as vivendas que teñen acceso ao servizo.
Depuradoras ecolóxicas en Vilasobroso e Mouriscados
No ano 2021, o Goberno municipal de Mondariz executou as obras correspondentes ás depuradoras ecolóxicas de Vilasobroso e Mouriscados, proxectadas durante o mandato anterior con cargo ao Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra. En ambos casos, as actuacións se atrasaron porque a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) non deu a debida autorización e esixiu realizar modificacións substanciais nos proxectos.
“No caso de Vilasobroso, a construción da depuradora deu moitísimos problemas ao Concello de Mondariz porque foi unha obra mal proxectada. Houbo que construír cinco pozos filtrantes que non estaban planificados inicialmente para cumprir coas esixencias da CHMS en materia de filtración de augas residuais e acadar a autorización pertinente para poder proceder á licitación da obra”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
As modificacións esixidas para acadar autorizacións sectoriais supuxeron atrasos na execución do proxecto. Malia que a subvención concedida para esta obra ascendía a 157.718 €, as empresas que concursaron durante o proceso de licitación rebaixaron ata 20.188 € ese importe. Executada e xustificada a obra, o Concello de Mondariz solicitou o reinvestimento desta cantidade na electrificación da instalación, mais a Deputación non o permitiu. “Isto aconteceu en moitos concellos con proxectos arrastrados desde 2018.
As depuradoras ecolóxicas que se construíron en Vilasobroso e Mouriscados funcionan con humidais artificiais, pero é necesario electrificar as instalacións e ese proceso non estaba incluído nos proxectos iniciais. No caso de Vilasobroso, o Concello de Mondariz tivo que destinan arredor de 10.000 € do orzamento municipal a esta obra adicional; e no caso de Mouriscados tamén debeu ocuparse da electrificación da instalación, aínda que foi máis doado porque coincidiu que había un transformador eléctrico ao lado.
Servizo municipal de baleirado de fosas sépticas e pozos negros
Tendo en conta que unha gran parte do Concello de Mondariz non ten acceso á rede municipal de saneamento e que a falta de conexión coa EDAR de Mondariz Balneario dificulta a depuración de augas residuais, o Goberno municipal promoveu en 2021 un novo servizo público de baleirado de fosas sépticas e pozos negros para os veciños e as veciñas de Mondariz. A ordenanza municipal reguladora establece un prezo público de 65 € por cada baleirado, que debe ser solicitado no Concello de Mondariz e é realizado polos propios operarios municipais cun camión cisterna adquirido para tal fin.