Mondariz | A intensa programación cultural de verán no Concello de Mondariz inclúe este último fin de semana de agosto o espectáculo teatral “Os nenos da varíola”, unha adaptación a escena da novela homónima de María Solar realizada por Pérez&Fernández, en coprodución co Centro Dramático Galego.
A obra inspírase no sacrificio histórico dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que a principios do século XIX participaron na Real Expedición Filántropica da Vacina baixo a dirección da enfermera Isabel Zendal, que era reitora da Casa dos Expósitos.
Deste xeito, visibilízase a contribución destes nenos orfos no éxito da primeira expedición médica da humanidade para expandir a vacina da varíola polo mundo e contextualízase a figura de Isabel Zendal, popularizada durante o actual contexto de pandemia ao dar nome a empresas do sector farmacéutico e hospitais.
O espectáculo, que está programado para o 28 de agosto, comezará ás 22:00 horas. A entrada ao Auditorio Municipal, localizado nas instalacións do Centro Social de Mondariz, será libre e gratuíta até completar a cabida permitida.
Máis teatro en setembro
O 24 de setembro, o Auditorio Municipal de Mondariz será escenario de “Bernarda”, outra obra dramática producida, neste caso, pola compañía Malasombra.
Trátase dunha historia próxima e universal que está inspirada no argumento de “La casa de Bernarda Alba”, escrita por Lorca en 1936: unha muller que queda viúva con fillas e decreta un rigoroso loito. A acción, no entanto, trasládase a Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, cando as ansias de cambio chocan coas tradicións máis arraigadas, como o loito. O choque interxeracional é un dos temas principais.
Ambos espectáculos forman parte do programa Cultura no Camiño e acumulan premios e recoñecementos. “Os nenos da varíola” é candidata este ano a catro Premios María Casares da Asociación de Actrices e Actores de Galicia, mentres que “Bernarda” foi a gran triunfadora da pasada edición dos Premios María Casares.
Abertas as inscricións para ORIENTA-TEA 2021
Trátase dunha proba de orientación nocturna por equipos programada para o vindeiro 11 de setembro.
Esta semana comezou o período de inscrición para ORIENTA-TEA 2021, unha proba de orientación nocturna para persoas maiores de 16 anos que se organiza no Concello de Mondariz desde 2016 con gran éxito de participación. Este ano está programada para o 11 de setembro, a partir das 21:00 horas.
O punto de partida, a diferenza das pasadas edicións, será o Carballo de Armada, unha área recreativa situada arredor dunha árbore centenaria na entidade local menor de Queimadelos, a dous quilómetros do centro urbano de Mondariz.
Trátase dunha proba por equipos de entre 2 e 6 persoas que ten un custo de inscrición de 5 €/persoa. O prazo de inscrición estará aberto até o 8 de setembro, ás 14:00 horas, aínda que podería pecharse antes en función da demanda.
Para máis información sobre esta actividade, hai que contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Mondariz a través de teléfono (680 964 461) ou correo electrónico (omix@mondariz.gal).