Mondariz | O Goberno de Mondariz levou esta semana ao Pleno municipal a súa proposta de financiar o 20% do cambio a LED de toda a rede municipal de alumeado público a través dun préstamo bancario. Cos votos favorables de BNG, PSOE, PP e Ciudadanos e a abstención de Alternativa por Mondariz, a Corporación Municipal deu autorización ao Goberno para iniciar a tramitación desa vía de financiación.
Durante a sesión plenaria celebrada o venres, 28 de xaneiro, os membros da oposición recoñeceron que a operación é ambiciosa e conleva riscos para un concello pequeno como Mondariz, pero igualmente resulta necesaria para aproveitar os fondos europeos tramitados a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía) en 2020 para executar un proxecto de investimento tan estratéxico como o cambio a LED e a modernización dos cadros eléctricos da rede municipal de alumeado público.
A autorización da Corporación Municipal en sesión plenaria era necesaria porque o importe relacionado supera o 10% do orzamento municipal. Con todo, que o Goberno de Mondariz poida iniciar o proceso de solicitude dun préstamo bancario non asegura a día de hoxe que o 20% deste investimento sexa finalmente financiado a través desa vía. A partir de agora, o procedemento continuará co cumprimento dos parámetros establecidos para a licitación do contrato de empréstito pertinente.
“O aforro que supón este proxecto de eficiencia enerxética na factura eléctrica municipal permitirá amortizar as obras rapidamente. Se fora outro tipo de proxecto teriamos máis dúbidas, pero neste caso solicitar un préstamo bancario para financiar a aportación municipal é a mellor opción. Non nos podemos permitir deixar de investir noutras áreas relacionadas cos servizos básicos, como as estradas ou a rede municipal de abastecemento de auga”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
De non acadar financiación bancaria para o 20% do proxecto de cambio a LED da rede municipal de alumeado público, o Concello de Mondariz tería a opción de acollerse á Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, mais iso deixaría a outras áreas sen investimentos mínimos anuais.
“No Concello de Mondariz levamos un atraso moi importante nos investimentos. Se non se fai un esforzo, se non se corre o punto máximo de risco controlado, é moi difícil que este concello poida modernizarse e actualizar certos servizos”, declarou o concelleiro de Mobilidade, Urbanismo e Vivenda, Leopoldo Tato, durante a sesión plenaria.
“Para reducir custos é necesario realizar investimentos”, foi outro dos comentarios que se escoitaron na sesión plenaria en defensa desta actuación municipal, neste caso por parte do concelleiro de Facenda, José Luis Fernández.
Un investimento estratéxico para o futuro de Mondariz
Por criterios administrativos, o cambio a LED da rede municipal de alumeado público consta de catro proxectos que abarcan a todas as parroquias. En suma, supón un investimento de millón e medio de euros que require unha aportación municipal próxima aos 300.000 €.
“No seu momento, decidimos ser valentes e pensar no cambio integral da rede municipal de alumeado público. Con todo, como o programa europeo correspondente ao período 2014-2020 estaba case esgotado, dividimos o investimento en catro proxectos para ter máis opcións de ver aprobada algunha actuación sobre a rede municipal de alumeado público.
Finalmente, todas as solicitudes resultaron aprobadas. Executar os catro proxectos é un enorme esforzo político-administrativo, pero estamos convencidos de que é unha oportunidade histórica que debemos aproveitar”, sinala Barros.
Nos proxectos técnicos está estimado un aforro enerxético superior ao 70% que incidirá directamente na factura eléctrica municipal, que antes do ciclo alcista do prezo da luz xa se aproximaba aos 200.000€.
“É unha modernización integral de infraestruturas básicas que ningún Goberno municipal das últimas décadas afrontou e que beneficiará ao Concello de Mondariz durante moito tempo”, destaca o alcalde.
Na lexislatura anterior xa se tramitara un proxecto de instalación de luminarias LED a través dun programa da Deputación de Pontevedra, que está en vías de execución por problemas derivados da propia planificación do proxecto.
Trátase da instalación de luminarias LED en 134 puntos de luz dos barrios de Lordelo e Aboal, na parroquia de Toutón, que non inclúe a renovación dos cadros eléctricos.
“A diferencia é que agora é o propio Concello de Mondariz quen promove e controla os proxectos, abarcando todos os elementos da rede que é necesario renovar para acadar a eficiencia enerxética que se busca”, sinala Barros.
“Ademais, o cambio a LED da rede municipal de alumeado público vai chegar a todas as parroquias, sen deixar a ningunha atrás”.