Mondariz | O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, e o concelleiro de Facenda desta mesma localidade, José Luis Fernández, foron recibidos este xoves polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, na sede desta institución para asinar un convenio de colaboración que permitirá ampliar e mellorar considerablemente a senda fluvial que transcorre polo río Xabriña entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro.
Esta actuación está valorada en 530.000 €, dos cales a CHMS asume o 80% e o Concello de Mondariz o 20%. A redacción do proxecto, que xa está en marcha, corre a cargo do organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Está previsto que a senda fluvial conecte o centro urbano de Mondariz, desde o barrio da Pedreira, coa área do Escobeiro a través dunta ruta que implica a construción dun treito novo e dunha pasarela para cruzar o río. O resultado será unha senda peonil circular de 3.225 metros.
“Nestes dous anos e medio de goberno temos buscado activamente a colaboración institucional para emprender proxectos que puxeran en valor os atractivos naturais que ten o Concello de Mondariz, como o río Tea e os seus afluentes, e así promover tanto a calidade de vida da poboación como o desenvolvemento dun turismo de natureza”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
“Este convenio é o resultado dese esforzo constante por transformar ideas en proxectos factibles para o desenvolvemento integral da localidade”.
Seis proxectos cofinanciados este ano con fondos europeos
O Concello de Mondariz avanza con paso firme na execución dos múltiples proxectos de aforro e eficiencia enerxética que acadaron financiación europea este ano, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Despois do invisible traballo político e administrativo realizado en 2020, último ano para a solicitude dos fondos europeos correspondentes ao período 2014-2020, o Concello de Mondariz veu recompensado o seu audaz esforzo nos primeiros meses de 2021 coa aprobación de seis proxectos cofinanciados ao 80% pola Unión Europea que permiten un investimento conxunto duns dous millóns de euros.
O primeiro destes proxectos –a rehabilitación enerxética do edificio que acolle a Escola Municipal de Música de Mondariz e outras actividades socio-culturais na parroquia de Riofrío– xa foi executado durante o mes de decembro. Mellorouse considerablemente a envolvente térmica do edificio coa substitución de elementos de carpintería na fachada.
Este proxecto ascende a 176.661 euros, con 141.329 euros de cofinanciación europea e o importe restante do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Unha vez executadas al obras, está previsto que as emisións de CO2 diminúan de 5,8 kgCO2/m2 a 4,4 kgCO2/m2, pasando de cualificación enerxética B a A.
“Tratamos de planificar as obras para afectar o menos posible á actividade formativa que ten lugar no edificio da Escola Municipal de Música de Mondariz”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde da localidade. “Para este antigo colexio, que foi construído en 1970 e presentaba notables deficiencias enerxéticas, esta renovación estrutural era moi necesaria”.
Antes de final de ano tamén se empezaron as obras de rehabilitación enerxética na Casa Consistorial, co cambio de elementos de carpintería metálica na fachada. Neste caso, o proxecto está valorado en 178.391 euros, dos que 142.713 euros corresponden a fondos europeos do período 2014-2020 e a aportación municipal vén do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.
2022 será o ano do cambio a LED do alumeado público
Enfocado na mellora dos servizos públicos máis básicos, o Concello de Mondariz emprenderá o próximo ano o cambio integral a LED da rede municipal de alumeado público, un investimento estratéxico que modernizará as instalacións da localidade e suporá un importante aforro na factura eléctrica municipal.
“Trátase dun investimento de máis de millón e medio de euros que beneficia a todo o concello, a todas as parroquias, ao mesmo tempo. Son palabras maiores. O ano pasado, mesmo sen o apoio unánime da Corporación Municipal, fomos quen de presentar catro proxectos que aseguraran fondos europeos millonarios para unha obra moi necesaria que mira cara o futuro. En pleno século XXI, cos avances tecnolóxicos que hai, é inconcebible non aproveitar as oportunidades existentes para modernizar a anticuada rede municipal de alumeado público con LED e cadros eléctricos novos”, destaca o alcalde.
Segundo os cálculos técnicos, estas obras suporán un aforro superior ao 70% na factura eléctrica municipal, que antes do encarecemento dos últimos meses xa ascendía aos 200.000 euros anuais.
“Dos investimentos que se poden realizar, este é o único que ten visos de ser amortizado rapidamente polo aforro que supón.
Malia que os fondos europeos cobren o 80% do custo, o Concello de Mondariz terá que asumir un porcentaxe de cofinanciación importante, tendo en conta a dimensión dos proxectos. Nestes momentos estamos trazando a estratexia política-administrativa máis viable para xestionar a financiación que nos toca”, explica Barros.