Mondariz | O Concello de Mondariz recibiu notificación da aprobación dun dos catro proxectos de renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior solicitados o ano pasado ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dentro do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
“Trátase dun proxecto de aforro e eficiencia enerxética para o cambio de luminarias e cadros eléctricos na rede municipal de alumeado público nas parroquias de Vilasobroso, Mouriscados e Meirol”
Trátase dun proxecto de aforro e eficiencia enerxética para o cambio de luminarias e cadros eléctricos na rede municipal de alumeado público nas parroquias de Vilasobroso, Mouriscados e Meirol valorado en 340.675,98 €, dos que 272.540,78 € (80 %) están subvencionados con fondos europeos.
“Á vista de que as liñas de subvención do IDAE para o período 2014-2020 estaban case esgotadas cando chegamos ao goberno, decidimos agrupar as parroquias do Concello de Mondariz en catro proxectos para ter máis posibilidades de éxito. Recibimos confirmación da aprobación dun deles, que afecta ás parroquias de Vilasobroso, Mouriscados e Meirol, pero aínda estamos agardando as resolucións dos outros tres proxectos solicitados”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
“A nova instalación disporá de luminarias LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética, así como de novos cadros eléctricos”
A nova instalación disporá de luminarias LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética, así como de novos cadros eléctricos. Estas luminarias LED, ademais de supoñer un aforro enerxético do 72 %, evitarán a contaminación lumínica a través da súa tecnoloxía innovadora. A eficiencia enerxética terá un enorme impacto na factura eléctrica municipal. “A pesar de que este proxecto demanda un gran investimento por parte do Concello, a porcentaxe de aforro enerxético é tan alta que se poderá amortizar en pouco tempo”, indica Barros.
O alumeado municipal do Concello de Mondariz é unha rede pública composta por 2.741 puntos de luz que se controlan desde 47 cadros de mando. Segundo o informe técnico do proxecto, o custo anual do servizo de alumeado público ascende actualmente a 158.082 €. O proxecto subvencionado afectará a 552 puntos de luz e a 11 cadros de mando relacionados que até agora supuñan un custo anual de 31.371,98 € e que, despois da actuación prevista, pasarán a 9.591,54 €.
Na lexislatura anterior tamén se tramitara un proxecto de instalación de luminarias LED a través dun programa da Deputación de Pontevedra, que está en vías de execución por problemas derivados da propia planificación do proxecto. Trátase da instalación de luminarias LED en 134 puntos de luz dos barrios de Lordelo e Aboal, na parroquia de Toutón.
Este proxecto, en principio, non incluía a renovación dos cadros eléctricos e outros elementos da infraestrutura que resultan indispensables para a posta en marcha. “A diferencia é que agora é o propio Concello de Mondariz quen promove e controla os proxectos, abarcando todos os elementos da rede que é necesario renovar para acadar a eficiencia enerxética que se busca”, sinala Barros.
Mellora e modernización das infraestruturas municipais con fondos europeos
Con este, xa son catro os proxectos de eficiencia enerxética subvencionados con fondos europeos no Concello de Mondariz durante o último ano. A Entidade Local Menor de Vilasobroso, presidida por Alexandre Estévez (BNG), xestionou exitosamente a solicitude dun proxecto de recuperación da antiga escola unitaria de Valiño a través da Deputación de Pontevedra, logrando captar fondos europeos por valor de 302.647 euros.
O Concello de Mondariz, así mesmo, conseguiu cofinanciación para dous proxectos de rehabilitación enerxética de edificios públicos que se porán en marcha proximamente. Por unha banda, a reforma da cuberta e da fachada do antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pé de Muíño, s/n, parroquia de Riofrío), convertido en sede da Escola Municipal de Música de Mondariz e doutras actividades formativas, que recibiu 141.329 € de fondos europeos; por outra, a reforma da fachada da Casa Consistorial, cunha achega de 105.932 €.
“O Concello de Mondariz, así mesmo, conseguiu cofinanciación para dous proxectos de rehabilitación enerxética de edificios públicos que se porán en marcha proximamente”
“Para nós era fundamental aproveitar esta oportunidade de cofinanciación con fondos europeos para investir na mellora e modernización das infraestruturas municipais. Foi unha mágoa que se desaproveitara esta oportunidade nos primeiros anos do programa, que arrancou en 2014 para concellos de menos de 5.000 habitantes, como o noso, e logo se ampliou a concellos con máis poboación que non dubidaron en solicitar estes fondos europeos para modernizar as súas infraestruturas públicas.
Cando nos vimos no goberno municipal, o programa estaba case esgotado e existía o risco de non chegar a tempo para o reparto dos últimos fondos. Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos e somos optimistas respecto dos outros proxectos solicitados que aínda non se resolveron.
Preparar todos estes proxectos contra o reloxo supuxo un esforzo político e administrativo enorme, pero agora podemos afrontar unha necesaria modernización das infraestruturas no Concello de Mondariz con clara visión de futuro”, comenta Barros.