Mondariz Balneario | O goberno de Mondariz Balneario planea acoller nesta propiedade distintos servizos e instalacións municipais (centro social, oficina de turismo, aparcadoiro e zona verde) sempre enfocado en dar unha mellor atención á veciñanza, contribuíndo na dinamización dunha contorna prioritaria.
Pola outra banda a adquisición desta propiedade ao SAREB é unha gran oportunidade para rehabilitar unha área céntrica da vila que na actualidade presenta un elevado estado de abandono. Para este fin o Concello de Mondariz Balneario xa ten iniciado a procura de financiación coa que restaurar os edificios onde se localizará o novo centro social da vila e a oficina de turismo, instalacións moi necesarias e que demanda a veciñanza ao non existir na actualidade ningún espazo axeitado para dar estes servizos.
Durante a sinatura da adquisición, o alcalde, César Gil, apuntou que, dende fai tempo, Mondariz Balneario vén amosando un continuo deterioro patrimonial, palpable no progresivo aumento de edificacións e vivendas en estado de abandono. Un fenómeno que provoca a preocupación da veciñanza e do que xurde o compromiso da administración municipal para a súa recuperación.
A boa xestión económica no Concello, e uns orzamentos deseñados para revitalizar a vila, permítenos dar agora este paso, incrementar o patrimonio municipal e sentar as bases para a recuperación deste espazo.