Mondariz | O Concello de Mondariz asume este ano a organización da festa de Entroido na localidade, que xa ten data e cartel. O tradicional concurso de comparsas e carrozas terá lugar o domingo 19 de febreiro, a partir das 17:00 horas. As bases do mesmo están en fase de elaboración e serán publicadas nos próximos días, abríndose o prazo de inscrición de participantes.
Detrás da organización do Entroido de Mondariz estivera nos últimos anos a asociación de veciños/as Xabriña, que incluso en tempos de pandemia fixera o esforzo de manter esta festa popular na localidade. O ano pasado, a incerteza respecto da situación epidemiolóxica atrasou o evento e finalmente se organizou un Entroido de Verán a finais de maio.
Como esta asociación de veciños/as experimenta actualmente un cambio de directiva, o Concello de Mondariz decidiu pasar de colaborador a organizador desta actividade sociocultural para que se manteña no tempo. “Desde xa, animamos aos veciños e ás veciñas, así como aos colectivos socioculturais das parroquias, a preparar neste mes a súa participación no concurso de comparsas e carrozas do Entroido 2023”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Colaboración para a senda do Río Tea
Un informe técnico da arquitecta municipal do Concello de Mondariz valora os danos ocasionados polas choivas e riadas dos días 25 de decembro de 2022 e 1 de xaneiro de 2023 en 264.194,58 €, aproximadamente.
Aos cuantiosos danos de finais do ano pasado e principios deste ano polas riadas, xa avaliados tecnicamente polo Concello de Mondariz, poden sumarse outros provocados polas intensas choivas desta semana.
O cambio de ano trouxo copiosas choivas ao val do Tea que provocaron o crecemento dos ríos e desbordamentos puntuais que afectaron gravemente ás sendas fluviais do Concello de Mondariz. Os servizos técnicos municipais realizaron a debida avaliación de danos nos primeiros días do ano, pero as intensas choivas que se prevén para esta semana poden sumar incidencias.
Segundo o informe técnico da arquitecta municipal do Concello de Mondariz, os danos ocasionados polas choivas e riadas dos días 25 de decembro de 2022 e 1 de xaneiro de 2023 están valorados en 264.194,58 €, aproximadamente. Neses días rexistráronse ata unha decena de colapsos de muros e taludes, así como corrementos de terras e outras incidencias de diferente consideración, en varias parroquias do Concello de Mondariz.
O patrimonio natural e cultural de interese turístico tamén resultou afectado. Na icónica ponte de Cernadela, o crecemento das augas do Tea provocou a caída dun treito do peitoril e o movemento das pedras da base do pavimento desta construción de orixe medieval. Na ponte da Poeira houbo acumulación de árbores arrastradas pola corrente entre as pías da estrutura, así como movemento de pedras na base da ponte e degradación da mesma. Na praia do Ceo, o río arrastrou terra e area ás vías públicas e quedou descuberta a tubaxe da rede de saneamento, co impacto visual consecuente.
As riadas provocaron numerosos desperfectos nas sendas dos ríos Tea e Aboal. A valoración técnica dos mesmos tomou como referencia o proxecto “Reparación de danos por riadas de xaneiro e febreiro de 2016 nas sendas fluviais dos ríos Tea e Xabriña”, realizado en maio de 2016 por Augas de Galicia, un organismo dependente da Xunta de Galicia.
Os danos na senda fluvial do río Tea, provocados principalmente polas riadas do 1 de xaneiro de 2023, súmanse aos desperfectos que xa arrastraba este camiño desde as riadas de 2016. A principios de 2020, o Pleno do Concello de Mondariz aprobou un convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e os concellos de Mondariz e Ponteareas para a reparación de danos por riadas nas sendas fluviais dos ríos Tea e Xabriña, pero as obras previstas non chegaron a realizarse. A teor do atraso desta actuación, o propio Concello de Mondariz dirixiu un escrito a Augas de Galicia en outubro de 2022 para solicitar información sobre o proxecto e trasladar a este organismo un informe técnico municipal sobre o mal estado da senda fluvial do río Tea e os riscos asociados en caso de choivas e desbordamentos.
Á vista dos danos ocasionados polas últimas riadas, o Concello de Mondariz volveu contactar con Augas de Galicia a principios deste mes de xaneiro para solicitarlle colaboración urxente na reparación da senda fluvial do río Tea, que conecta Mondariz con Ponteareas, pasando por Mondariz-Balneario. “Estamos insistindo na necesidade de reparar a senda do río Tea porque ten un gran valor turístico e medioambiental para a nosa localidade. Agardamos que estes traballos de recuperación poidan estar iniciados antes dos meses de verán, xa que as zonas afectadas polas riadas teñen un enorme atractivo nesa época do ano”, sinala o alcalde, Xosé Emilio Barros.