Mondariz | Oitocentos sesenta persoas inscritas e unha lista de espera de máis de cen deportistas é o balance que fai a día de hoxe a Asociación Deportiva de Mondariz encargada da organización do Trail Orixes de Mondariz.
Cinco probas nas que facer deporte mergullados no patrimonio natural, histórico e etnográfico atraen cada ano a máis participantes. Un esforzo organizativo que conta coa colaboración de cento cincuenta voluntarios que mañá sábado día 4 farán de Mondariz o epicentro do trail.
Trail Orixes Mondariz é unha proba de montaña que discorre no concello de Mondariz e chega a Covelo na súa parte máis alta por onde pasa o Ultra Trail que chega á extrema do límite co concello de Fornelos de Montes.
A Trail Orixes de Mondariz percorre os vales e os ríos de Mondariz pasando por puntos de alto interese histórico e grande valor medioambiental.
Sinala a organización que unha das características que máis gusta aos e ás corredoreas é que a maior parte do trazado é por sendeiros, rodeados en todo momento por flora autóctona e extensas carballeiras. Outro motivo que atrae a tantas persoas é a súa variedade en canto ao terreo ao pasar nas zonas baixas por sendeiros intercalando zonas abertas de alta e media montaña no caso da maratón e da ultra trail.
Salienta a organziación que, sen dúbida, un dos puntuais desta cita deportiva é o voluntariado que sempre trata con ánimo e cariño ás persoas participantes sendo cada ano máis.
Co obxectivo de dar a coñecer a riqueza medioambiental de Mondariz esta asociación sen ánimo de lucro organiza cinco probas con distintas propostas de percorridos e duración para ampliar a oferta a un maior número de persoas. Así as persoas interesadas puideron inscribirse na andaina Peketrail de 12 km, na de 600 de 14 km, na 1300 de 26 km, na 2300 de 40 km ou na 3300 de 60 km.
Este ano a organización salienta que a Ultra Trail forma parte do Campionato Ultra de Montaña da Xunta de Galicia de carreiras da Federación Galega de Montaña e de aquí sairá o campión e campioa galega de Ultra Distancia. Ademais, nesta proba estableceranse criterios de selección para os seleccionados no campionato de España que se celebrará nun mes no concello asturiano de Somiedo.
As e os mellores especialistas en Ultra Distancia de Galicia estarán nesta proba así como no resto das propostas de maratón, ultra e mini trail. Segundo a organización outra parte salientable da participación é o incremento do número de mulleres pasando do 19% de participación feminina na primeira edición a máis do 30% no día de mañá. Tamén cabe sinalar o importante número de deportistas que veñen de toda Galicia, de Castela e León, Madrid, de Cataluña, País Vasco, Canarias así como Portugal, Francia e illas de Oceanía.
O Concello de Mondariz agradece o traballo da Asociación Deportiva de Mondariz no fomento de hábitos de vida saudable e na promoción da riqueza natural e cultural do concello. Ademais, o grupo de goberno sinala que este tipo de probas e iniciativas son tamén auténticos dinamizadores sociais, económicos e turísticos para a zona.